Presentación da XV andaira de Bande “Desafio Iter Querquennae”.
O concello de Bande reunirá este domingo, día 6 de agosto, a preto de 300 deportistas nunha nova edición do desafío “Iter Querquennae”, proba que conta coa colaboración da Deputación de Ourense e inclúe a celebración do VIII Trail e a XV Andaina. Os detalles desta proba foron presentados no Pazo Provincial ao presidente do Inorde, Rosendo Fernández, da man da alcaldesa de Bande, Sandra Quintas, e mailo responsable da organización, Xurxo Vázquez.
O VIII Trail, con máis de cen inscritos, ofrece aos deportistas dous circuítos. O primeiro ten 27 quilómetros, máis técnico e con zonas que frean a marcha, polo que a saída será ás nove da mañá, e con 8 postos de avituallamento. O segundo percorrido é de 16,5 km, máis accesible para todos los públicos e con saída media hora máis tarde. Tamén a esa hora sairán os máis de 150 inscritos na XV Andaina, cunha distancia de 15 km e con algunha dificultade no último tramo, para maior satisfacción dos afeccionados.
Tanto a organización como o Concello destacan a atención que brindan aos participantes no desafío, que terán viandas e bebidas para repoñer forzas ao remate das probas e masaxistas e unha cuba de xeo para a recuperación física. Ademais, os gañadores recibirán como premio un trofeo en cerámica que representa un dos arcos de entrada ao campamento romano de Aquis Querquennis.