Cargada de novidades chega a celebración do Samaín no Barco Centro Comercial Aberto (CCA). Así o destacaba o presidente desta entidade, Jacobo Arias, na presentación deste evento que se desenvolverá os días 27 e 28 de outubro. “Vai ser a campaña máis forte que desenvolva o CCA neste ano 2023”, destacaba, antes de detallar as súas actividades, que comezarán o venres día 27 ás 17:30h. na praza do Concello do Barco cun taller tarro-momia, ademais entre as 17:30h. e as 19:30h. haberá pintacaras e fotomatón e ás 19:30h. espectáculo “Abracadaver” do Circo do Terror. Para participar nos talleres será precisa inscrición previa presentando un tícket de compra por importe superior a 10 euros.

Especialmente destacada será a programación, xa que por vez primeira se organizará un túnel do terror, que se desenvolverá pola rúa Doutor Pérez Lista. Haberá dous pases: un ás 19:30h. e outro ás 21h. Será preciso presentar un tícket de compra de alomenos 5 euros, para que poidan entrar dúas persoas. Ademais Jacobo Arias agradeceu a colaboración do Concello do Barco.
Previamente, pola mañá tamén na praza do Concello haberá actividades como obradoiro infantil, fotomatón e pintacaras.

O presidente do CCA, estaba acompañado por membros da directiva, así como pola concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta, que indicaba que esta proposta vén a complementar a programación “que temos preparada dende o Concello, que é máis clásica e tradicional, para celebrar o Samaín galego”.




