
Debido á previsión de chuvias para o sábado 5 de abril, día da celebración da Pasarela de Moda 2025 e por tanto do seu aprazamento dende a Asociación Centro Comercial Aberto (CCA) O Barco informan que a nova data é 3 de maio “no mesmo mismo horario e mesmo lugar”.
O evento, que se celebrará na rúa Academia Dequidt do Barco de Valdeorras ás 20 horas, será presentado por Fátima Pego, cantante e presentadora da TVG. Xunto a ela tamén estará a Acróbata Reyna e Dj Dani Argü.
Máis dun centenar de modelos de todas as idades, veciños e veciñas da zona e de fóra da comarca, subiranse á pasarela coas novidades do sector téxtil e complementos da tempada primavera/ verán 2025.

O desfile farase en dous pases diferentes. Primeiro empezarán as tendas infantís e tras finalizar estas farase unha homenaxe aos ex presidentes que pasaron polo Centro Comercial Aberto (CCA). “Tamén poderemos ver a Fátima Pego na súa faceta como cantante xa que nos deleitará cunha actuación xunto coa Acrobata Reyna que aproveitará para facer un pequeno espectáculo”, indican dende a organización. Despois continuará o desfile coas tendas de adultos onde todos os espectadores poderán gozar das novas coleccións de moda e complementos que levarán esta primavera/ verán.
Para terminar e tras a despedida da presentadora, haberá unha “fantástica tirada de globos a cal levará un gran premio, xa que un dos globos portará un vale de 500€ para gastar nos establecementos asociados”, din adiantan dende o CCA, engadindo que o evento estará amenizado por Dj Dani Argü que se encargará de que todo o mundo goce da música e pase unha tarde entretida.



