O IES Lauro Olmo do Barco de Valdeorras participará este ano no VII Campionato Galego de Formación Profesional de Galicia, GaliciaSkills 2023, que se celebrará os días 25, 26 e 27 de outubro no recinto Feira Internacional Abanca de Silleda.
Trátase dun certame no que mostra o seu talento e formación alumnado de Ciclos de Formación Profesional de toda Galicia e de todos os Ciclos Formativos e, o Lauro Olmo participa coa presenza de Jonas Micael Cruz da Rocha, alumno de Ciclo de FP Básico de Peiteados e Estética.
Organizado pola Dirección Xeral de Formación Profesional, Galiciaskills 2023 pretende darlle unha maior proxección e difusión á formación profesional que se imparte en Galicia. É un campionato eminentemente práctico, que consistirá no desenvolvemento de 27 competicións relacionadas coas especialidades de formación profesional, nas que o alumnado participante porá a proba as súas destrezas a través da realización de diversas probas de habilidades e coñecementos vinculadas a súa área de formación.
As probas son de corte, cor e recollido, o mércores e o xoves, o venres será a entrega de premios e quen gane irá a Madrid á final e Jonas conta co hándicap de cursar a FP Básica. “Veu de Brasil hai dous anos e medio e igual non está tan preparado como se cursara un Ciclo Medio pero é un rapaz cunha actitude moi boa e por iso o eliximos a el”, explica o xefe de Departamento de Imaxe Persoal do instituto, Manuel Graña.
Fotos: IES Lauro Olmo.