CulturaCulturaÚltima hora

Felicitacións á Fonte da Ra do Barco

 

É un dos referentes do Paseo do Malecón do Barco. A Fonte da Ra, situada nas proximidades da beira do Sil e rodeada de pezas de antigos muíños e dun reloxio de sol, constitúe dende hai décadas un punto de encontro para os barquenses. E neste 9 de novembro, un deles facíalle un agasallo moi especial polo seu 50 aniversario. Colocaba dous globos na parte superior do reloxio e un cartel co seguinte texto “09-11-1973 – 09-11-2023. 50 años. Y que cumpras muchos más…”.

Esta orixinal fonte constitúe “un dos acenos de identidade do noso pobo”, di o artista e historiador da arte Luis Enrique Rodríguez “Coquixo”, quen explica que nela poden atoparse elementos procedentes de tres procedencias distintas: “o bloque de granito superior que remata nun reloxo de sol era parte da fonte que aínda existe (aínda que non ten acceso) baixo a Praza Vella. Cando a praza (que antes chegaba ata o río) foi aterrazada, a fonte pasou a ser subterránea… e alí, á sombra, xa non pintaba nada un reloxo de sol. Tiña gravada a data de 1849”.

Por outra banda, continúa, está a “pila de pedra, feita de aglomerado da zona. Sempre oiramos que era a pila bautismal da primitiva igrexa de San Mauro (este templo estaba onde o actual, pero era máis pequeno e coa entrada polo lado contrario). Con todo un membro do antigo grupo arqueolóxico Los Escarbadores asegurounos hai anos que era parte dun muíño de aceite romano traído de Valencia do Sil… quizais el falaba das prensas que hai aos lados, pero díxoo tan convencido…”.

Con respecto a esta pila, Manuel Páramo, veciño do Barco, engade que “procede da casa da miña avoa, na rúa Soto de Yáñez, onde estivo dende que eu tiño uso de razón. Ela dooulla a Los Escarbadores“.

 

 

E, finalmente, está a peza que dá nome á fonte: a ra. “Ese animaliño de ferro era parte dun antigo xogo popular de puntería que consistía en introducir pezas metálicas na súa boca desde a distancia. A nosa Ra en concreto entretivo durante moitos anos aos barquenses nun bar da Praza Vella pertencente á familia Páramo. Hoxe as ras da época da nosa considéranse antigüidades a valorar e protexer adecuadamente. Tamén o son a pila e o reloxo de sol, de comprobado valor histórico como obxectos illados. Pero máis aló das partes soltas, está o valor do conxunto que hoxe se converteu nun dos ornamentos con máis soleira no noso cambiante pobo, algo que identifica o Barco e unha das poucas cousas que a maioría dos barquenses lembramos sempre igual”.

Un conxunto que, como tal, hoxe está de aniversario e esperamos que cando menos pase outro medio século máis neste punto do Malecón do Barco.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Back to top button