A candidata de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) en Europa, a labrega Lidia Senra, achegábase na xornada do 7 de maio á montaña ourensá. Visitaba o concello de Manzaneda e coñecía de preto varias iniciativas produtivas promovidas por xente nova que se están a desenvolver neste municipio do oriente ourensán. Así, acompañada polo coordinador de ANOVA, Martiño Noriega, e polo alcalde de Manzaneda, David Rodríguez, visitaba en primeiro lugar unha viña e o proxecto de Daterra Viticultores. Logo, desprazábase ata un souto e coñecía o proxecto da Cooperativa Amaralante de recuperación de soutos abandonados.
De seguido, xa en Manzaneda, ofrecía unha rolda da prensa á beira da Porta da Vila na que manifestaba a súa ledicia por atoparse cun grupo de mozos e mozas que, a pesar das dificultades, aposta claramente por vivir e traballar no medio rural asentándose na actividade agraria. “Este tipo de iniciativas teñen un enorme valor, mesmo diría que son heroicas no marco social actual, no que as administracións teñen totalmente abandonado o medio rural, tanto no relativo á actividade produtiva agraria como a nivel de servizos, eivas especialmente sufridas nas zonas de montaña”.
E nese senso, indicía en que fronte a esta situación de desleixamento do rural por parte das institucións “precisamos en primeiro lugar políticas activas, tanto dende a Política Agraria Común (PAC), como dende as políticas centradas no desenvolvemento rural”, para deste xeito “asentar poboación no medio rural e fixar postos de traballo na actividade agraria”.
Ademais Lidia Senra aludía á necesidade de ofrecer respaldo ás pequenas explotacións e ás persoas que están traballando directamente as fincas. “Dende Alternativa Galega de Esquerda pensamos que é necesario establecer inmediatamente unha axuda para as pequenas explotacións, para que fixen actividade agraria no rural, para que poidan sobrevivir e continuar co seu traballo”. E para poder respaldalas “economicamente dende os fondos de desenvolvemento rural cómpre modificar as normas polas que se conceden as axudas”, dado que a situación actual é tan absurda que “moitas veces as condicións que nos piden para solicitar as axudas para as explotacións ou para os proxectos de transformación e comercialización lévanos a un nivel de endebedamento que, para cando chegan, xa estamos arruinadas”, indicaba.
Asemade a candidata de AGE considera que é preciso “apostar tamén dunha maneira decidida por manter os servizos como o transporte, a sanidade e o ensino no medio rural, para que as persoas que vivimos nas zonas rurais, e particularmente na montaña, teñamos as mesmas condicións para acceder aos servizos públicos que calquera cidadá ou cidadán do país”.
Senra destacou tamén que na medida en que se contribúa con fondos públicos a fixar poboación no medio rural “teríamos tamén moito avanzado para evitar problemas graves do noso país como son os lumes”, xa que inda que poidan chegar a prender, se as terras están cultivadas o lume non avanza con tanta facilidade como nun territorio que está abandonado.
O programa da visita de Senra a Manzaneda incluía ademais unha visita ao Centro de Día da localidade e un xantar con simpatizantes.