O presidente do Consello Regulador da D.O. Ribeira Sacra vén de anunciar a convocatoria dunha reunión de traballo para o próximo 21 de maio de 2024, ás 11:00 horas, na sede do Consello Regulador. Nesta xuntanza participarán diversas institucións asentadas no territorio, entre elas concellos e deputacións, co propósito de levar a cabo unha análise da situación actual do sector do viño e a viticultura na Denominación de Orixe Ribeira Sacra. O obxectivo primordial deste encontro é deseñar estratexias coordinadas que permitan facer fronte aos desafíos actuais.
“Consciente do interese compartido por todas as administracións en impulsar unha das actividades económicas máis relevantes do territorio e preservar a viticultura heroica, piar fundamental do futuro patrimonio da humanidade, o Consello Regulador busca fomentar o debate entre os distintos actores involucrados no territorio. O propósito é garantir a conservación desta invaluable manifestación da nosa identidade, como o é a viticultura heroica”, aseguran dende este órgano réctor. Por iso consideran que este encontro representa “unha oportunidade crucial para abordar medidas que aseguren a continuidade deste legado ancestral no tempo”.
O presidente do Consello Regulador, Antonio Lombardía, cre que “este é o momento oportuno para implementar medidas que garantan a preservación deste legado que herdamos dos nosos antepasados. Por tanto, esta reunión constitúe un primeiro achegamento para comprender a realidade do sector e comezar a trazar o camiño que asegure o seu futuro”.
