EconomíaEconomíaÚltima hora

A Ruta do Viño de Valdeorras organiza o curso de cata “A arte do viño envellecido”

Será impartido os días 22 e 23 de xuño no Hotel A Calzada de Arcos (Vilamartín) polo director técnico do CRDO Valdeorras

Imaxe dun curso de cata anterior da Ruta do Viño de Valdeorras./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Achegar aos apaixoados da enoloxía as características dos viños envellecidos en barrica, así como as diferentes madeiras utilizadas para iso. É o obxectico do novo curso de cata que se impartirá os días 22 e 23 de xuño a través da Ruta do Viño de Valdeorras, baixo o título da “Arte do viño envellecido”.

O día 22 esta actividade desenvolverase en xornada partida, de mañá (11’00 a 14’30) e de tarde (17’30-20’00) no Hotel A Calzada (Vilamartín), e constará de dous apartados. A cata de viños brancos da D.O. Valdeorras será durante a xornada matinal e a de tintos pola tarde.

O día 23, levarase a cabo a parte máis lúdica do curso coa visita ao Parque Natural Serra da Enciña da Lastra (Rubiá) onde se realizará unha ruta circular de 4 km, que concluirá cun brinde en horario de (11’30-13’30). A actividade que está dirixida polo director técnico do Consello Regulador de Valdeorras Jorge Mazaira, e o prezo da inscrición é de 30€ por persoa.

Ademais, como en edicións anteriores, aqueles participantes que o desexen poderán gozar dun xantar no aloxamento A Pontevella. Para poder participar é necesario cubrir un formulario que está dispoñible na páxina web do roteiro do viño (www.rutadelvinovaldeorras.com).

Back to top button