“Arraigo á terra” é un portal de comercialización de produtos e servizos locais que xurdía o pasado outono a iniciativa dun grupo de concellos do oriente ourensán: A Veiga, A Teixeira, Larouco, O Bolo, San Xoán de Río, Viana do Bolo e Vilariño de Conso. Nel poden atoparse produtos da zona, pero tamén servizos, nunha plataforma que segue aberta a novas incorporacións.
Agora “Arraigo á Terra” lanzará, a partir do 7 de xuño, a súa nova campaña de proximidade titulada “Cultivamos Xuntos. Saboreamos Xuntos. Veciños de Arraigo Terra”, deseñada para “fortalecer o sentido de pertenza e conexión coa nosa terra e comunidade a través dunha serie de carteis que se despregarán por toda a zona”.
O obxectivo principald esta iniciativa é “promover o comercio de produtos elaborados nos concellos de Arraigo á Terra. A través de mensaxes inspiradoras e visuais impactantes, os carteis buscan animar aos veciños e visitantes a comprar produtos locais e de proximidade a través da páxina so proxecto, lembrando a importancia de apoiar a economía local e valorar as nosas raíces e tradicións”, aseguran os promotores.
Os carteis de “Cultivamos Xuntos. Saboreamos Xuntos. Veciños de Arraigo á Terra” estarán situados estratexicamente nos sete concellos que forman parte do proxecto. Cada cartel contará con imaxes evocadoras e frases que convidan á reflexión e ao compromiso coa nosa comunidade e produtos locais e de proximidade. A campaña está dirixida especialmente aos veciños destes concellos, facilitando dun modo sinxelo a compra de produtos de concellos veciños a través da páxina web https://arraigoaterra.es/
Por outra banda, haberá puntos de recollida en cada concello que se indicarán nos carteis. Para o transporte dos produtos, solicitamos a colaboración dos veciños co lema: “De paso que vas, axuda aos teus veciños e terás unha recompensa”. Este enfoque comunitario non só facilita a loxística senón que tamén fortalece os lazos entre os residentes. O tempo de entrega dos produtos é de 24-72 horas.
Temáticas principais
Tres serán as temáticas principais da campaña. Unha delas é “Historia e Tradición: Poñemos en valor a nosa herdanza cultural a través de produtos tradicionais, destacando os elementos históricos e tradicións que moldearon a nosa identidade”. A segunda temática será “Natureza e Medio Ambiente: Promovemos a conservación dos nosos espazos naturais, destacando a beleza das nosas paisaxes e a importancia de coidar a nosa contorna”. E, a terceira, “Produtos Locais e de Proximidade: Destacamos a calidade e diversidade dos produtos elaborados nos concellos, convidando os cidadáns a descubrir e apoiar aos produtores locais e de proximidade, resaltando a súa frescura, autenticidade e beneficios ambientais”.
O equipo do proxecto comenta que coa campaña “Cultivamos Xuntos. Saboreamos Xuntos. Veciños de Arraigo á Terra” queremos convidar a todos a reconectarse coas nosas raíces, apreciar a nosa terra e fortalecer os lazos que nos unen como comunidade. A través desta campaña tamén buscamos promocionar os produtos locais e de proximidade, resaltando a súa calidade e autenticidade, e facilitando aos veciños a compra destes produtos”.
Sobre “Arraigo á Terra”
“Arraigo á Terra” é unha entidade dedicada ao desenvolvemento e promoción dos produtores locais. Busca impulsar a economía local e preservar as tradicións culturais a través da valorización e comercialización de produtos auténticos e de alta calidade.

