EconomíaEconomíaÚltima hora

O Barco sumarase ao “apagón ambiental” deixando a escuras o Concello Vello

A acción convocada polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade no Día do Medio Ambiente encádrase no proxecto europeo ‘People and Planet’

Casa do Concello do Barco./ Foto: A.R.

 

Dúas deputacións e 19 concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, entre eles o Concello do Barco, uniranse o vindeiro mércores, 5 de xuño, ao “apagón” convocado pola entidade con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente, que este ano se centra nos ecosistemas terrestres. A partir das 23 horas, suspenderase a iluminación pública de consistorios, prazas, torres e outros monumentos co fin de concienciar ademais sobre o consumo de enerxía. A acción encádrase no proxecto europeo ‘People and Planet’, que implica á mocidade e aos gobernos locais na loita contra o cambio climático.

Aínda que o consumo eléctrico en Galicia caeu un 16% no ano 2022, segue a ser un tema preocupante na actualidade, polo seu impacto ecolóxico pero tamén na economía das familias, de aí que cumpra continuar fomentando o aforro de enerxía, sen deixar de lado a visión crítica sobre os actuais sistemas de produción.

Tanto as institucións como a cidadanía poden tomar medidas neste senso, como empregar o transporte público ou a bicicleta, elixir aparellos de baixo consumo, programar unha temperatura racional nos espazos pechados, encher ben a lavadora e o lavalouza ou apagar as luces e dispositivos como o ordenador cando non os utilicemos. En xeral, consumir menos e facelo dun xeito responsable contribúe a combater a emerxencia climática e, polo tanto, a manter o quecemento global por debaixo de 1,5°C neste século, o máximo aceptable para evitar consecuencias irreversibles sobre a vida do planeta e das persoas.

O “apagón ambiental” proposto polo Fondo Galego é unha das máis de 70 actividades que se están a impulsar nos concellos socios dentro do proxecto ‘People and Planet’, que van desde accións de rúa como a comunicación de guerrilla e a performance ata obradoiros de cociña sustentable, debuxo urbano, exposicións virtuais, concursos, etc. Ademais, neste marco púxose en marcha en oito países a campaña ‘Water of the future’, co fin de situar na axenda pública a problemática da escaseza de auga a nivel global e as súas graves consecuencias, así como fomentar hábitos sostibles cos que contribuír a mitigar esta situación.

PeopleAndPlanet

O proxecto ‘People & Planet: un destino común’ busca concienciar as mozas e mozos europeos sobre as graves consecuencias do cambio climático para que se convertan en axentes de transformación na procura dun mundo máis sustentable. A iniciativa, que botou a andar en novembro de 2020 e que se prolongará durante catro anos, reforza tamén aos gobernos municipais na promoción de políticas a prol do desenvolvemento sostible, tendo en conta a interdependencia local-global. Procúrase así contribuír a implementar a Axenda 2030. O plan está financiado polo programa DEAR da Comisión Europea e involucra a 17 entidades de Galicia, Portugal, Alemaña, Irlanda, Italia, Polonia, Romanía, Países Baixos e Cabo Verde.

 

 

O Fondo Galego

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 108 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur Global e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, o Fondo Galego vén de cumprir 25 anos tendo apoiado uns 200 proxectos en máis de trinta países e promovendo numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur e a Axenda 2030.

Listaxe de administracións locais adheridas ao “apagón” ambiental

A Coruña Torre de Hércules + Fonte de Catro Camiños
A Laracha Praza do Concello
Barreiros Praza do Concello
Cambados Casa Consistorial
Cangas Casa Consistorial
Culleredo Torre de Celas
Fene Casa da Cultura
Ferrol Praza de Armas
Lugo Casa Consistorial
Monforte de Lemos Torre da Homenaxe + Escolapios
Narón Rotonda de Freixeiro
Nigrán Casa Consistorial + Praza do Concello
O Barco de Valdeorras Concello Vello
Poio Casa Rosada
Pontedeume Casa Consistorial + Torreón dos Andrade
Ribeira Novo Auditorio + Fonte de Padín
Salceda de Caselas Casa Consistorial
Soutomaior Edificio Multiusos
Xove Casa Consistorial + Praza do Concello
Deputación de Lugo Pazo de San Marcos
Deputación de Pontevedra Pazo Provincial + Edificio Administrativo + Sede Vigo

Back to top button