A Fundación Cupa Group entregou unha vintena de equipos informáticos –14 portátiles e seis smartphones– ao Centro de Desenvolvemento Rural Afa Bierzo para crear en Puente de Domingo Flórez e Cubillos del Sil os dous primeiros Centros Tecnolóxicos Rurais do Bierzo. Estes espazos, cedidos polos concellos de ambos os municipios, poñen os equipos tecnolóxicos ao dispor dos seus veciños para, entre as primeiras actividades programadas, formarse en competencias dixitais, facer consultas e xestionar trámites administrativos a través de internet.
Esta iniciativa é a primeira colaboración entre a Fundación Cupa Group e Afa Bierzo, dentro do convenio asinado por ambas as entidades en maio, e forma parte do proxecto Conecta Rural de Coceder, financiado polo Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030, co fin de reducir a fenda dixital nos pequenos municipios. Ademais de favorecer a inclusión dixital nas contornas rurais, os obxectivos a longo prazo do proxecto son fomentar a inserción laboral a través do acceso á tecnoloxía e promover a colaboración público-privada entre as entidades de desenvolvemento rural, as administracións locais e empresas do sector tecnolóxico para desenvolver novos proxectos que impulsen o emprendemento e a actividade económica nos pobos da comarca.
Diego Freire Coloma, director da Fundación Cupa Group, apuntou, tras a entrega do equipamento tecnolóxico, que “reducir a fenda dixital é fundamental para revitalizar as zonas rurais. Con esta iniciativa favorecemos a igualdade de oportunidades na nosa contorna, melloramos os servizos da poboación e fomentamos a economía circular ao reutilizar equipos que, aínda que xa non son operativos a nivel profesional para Cupa Group, están en perfecto estado para cubrir as necesidades ofimáticas do usuario medio”.
Pola súa banda, Ana Pilar Rodríguez, directora de Afa Bierzo, afirmou que “estamos comprometidos en frear a fenda dixital nos pequenos municipios creando sinerxías que permitan levar a cabo o proxecto. Agradecemos a solidariedade da Fundación Cupa Group, que fixo posible o desenvolvemento do mesmo nas localidades de Puente de Domingo Flórez e Cubillos”.
O Centro Tecnolóxico Rural de Puente, habilitado nunha das salas da Casa do Concello, foi inaugurado polo seu alcalde, Julio Arias, o pasado xoves cunha sesión informativa e unha enquisa impartidas por Afa Bierzo para coñecer as necesidades dos asistentes, 25 dos cales solicitaron comezar unha formación por parte do persoal técnico a partir do 3 de xullo. Mañá venres en Cubillos del Sil, no Hogar do Pensionista a partir das 11.00 horas, terá lugar a presentación do proxecto e en xullo, na Casa da Cultura da localidade, realizaranse as actividades formativas.
Esta contribución da Fundación Cupa Group no Bierzo súmase ao proxecto xunto ao Concello de Fabero, aprobado en 2023 por parte do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que investirá 1,1 millóns de euros para rehabilitar o colexio A Cortina e constituír unha comunidade enerxética no municipio. Dous proxectos de colaboración público-privada significativos cos que a entidade social do grupo empresarial segue desenvolvendo a súa misión, o impulso tecnolóxico, económico e social nas zonas rurais, e coas que plasma a vontade, compartida con Afa Bierzo, de facer fronte ao reto demográfico, fixando poboación e creando as condicións necesarias para a chegada de novos habitantes ás zonas nas que desenvolven as súas actividades.
Fotos cedidas.

