EconomíaEconomíaPizarraÚltima hora

A exposición “Pizarra”, que pon en valor a actividade louseira de Valdeorras, chega a Portugal

Podía verse en Coimbra como parte do programa de arquitectura de Anozero’24, Bienal de Arte Contemporânea da cidade lusa, desenvolta entre o 6 de abril e o 30 de xuño

 

Ata Portugal chegaba a exposición “Pizarra”, organizada polo Clúster da Pizarra de Galicia. A mostra puido verse en Coimbra como parte do programa de arquitectura de Anozero’24, Bienal de Arte Contemporânea da cidade lusa, desenvolta entre o 6 de abril e o 30 de xuño.

Esta mostra “Pizarra” achega unha escolma de fotografías de Juan Rodríguez, seleccionadas polos arquitectos Carlos Quintáns e Zaida García Requejo. Nelas retrátanse distintas canteiras de lousa, nas que se aprecia a escala das intervencións e a forma na que van variando, tanto polos procesos extractivos como polas condicións ambientais. O autor mostra o contraste entre o artificial do corte da canteira e o natural, coas xeometrías resultantes do proceso e cos planos de corte.

Esta iniciativa serve, ademais, para contextualizar a relevancia socioeconómica da actividade louseira, especialmente na zona de Valdeorras onde habitualmente sitúanse as canteiras. Ademais, pon en valor un material de gran potencial para a construción, tanto de obra privada como pública.

 

 

A localización elixida para a exposición foi o mosteiro de Santa Clara. En concreto, unha sala abovedada, realizada coa pedra extraída a poucos metros da propia canteira do mosteiro. Estes espazos contan coa singularidade de que o arranque dos arcos está marcado por grandes pezas de lousa.

A exposición que chegou a Coimbra é unha selección de 12 imaxes da mostra orixinal, que percorreu previamente noutros espazos. En novembro e decembro de 2023 visitou o Centro Cultural Marcos Valcárcel, en Ourense. En xaneiro deste mesmo ano estivo na sede de Afundación de Abanca, en Vigo. As fotografías acompañáronse con pezas de lousa formando distintas composicións.

Back to top button