EconomíaEconomíaÚltima hora

Importante afluencia de visitantes a Parada de Sil

Pese a que o tempo non está acompañando moito, os visitantes seguen achegándose a Parada de Sil que segue a ser un motor importante do turismo na Ribeira Sacra. Segundo informa o técnico de Turismo deste concello, Fernando Souza, nos meses de maio e xuño despacháronse 5.730 entradas para visitar o Mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil, buque insignia do turismo no municipio. Ademais menciona un importante aumento da demanda de visitas ao museo do chocolate, o único de Galicia.

De maneira semellante maniféstase o alcalde de Parada de Sil, Aquilino Domínguez, quen apunta que aumentan as visitas guiadas a través de distintas axencias. Moitas desas persoas fan o PR-G Cañon do Sil Santa Cristina, “o que fai que conflúan visitantes de distintas partes de España, sendo un exemplo este domingo un grupo de sendeiristas que visitaba o mosteiro a través da axencia Alventus e cuxos integrantes procedían do País Vasco, Cataluña, Madrid ou Andalucía”. A estas cifras habería que sumarlle en torno a un 25 por ciento máis de persoas, que van só a visitar por fóra este monumento en horario no que está pechado.

Por outra banda, os empresarios de aloxamentos do municipio (hotel, apartamentos, casas rurais) amosan a súa satisfacción pola marcha do verán xa que a ocupación está por riba do 80 por cento.

Dende o Concello de Parada de Sil fíxose unha importante mellora de embelecemento dos contedores de lixo na praza de O Barquilleiro, protexendo unha estrutura de ferro con madeira de xeito que non son visibles. Esta actuación estenderase progresivamente ó resto de contedodres.

Back to top button