CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

A tradición musical e as danzas de Panamá, Senegal e México, en Manzaneda

As Xornadas de Folclore recalaban o 19 de agosto nesta vila e tamén en Bande, cos grupos de Taiwán, Colombia e Serbia. O 20 de agosto, os seis grupos actuarán en Ourense

 

O calendario das XXXIX Xornadas de Folclore de Ourense vaise completando. O 19 de agosto era a última xornada na que as seis agrupacións folclóricas participantes actuaban divididas en dous grupos. Primeiro na Praza da Constitución de Bande, ás 20,30 horas, e, despois, no Patio do Colexio de Manzaneda ás 22,30 horas, onde se reunían unhas 400 persoas. Na cita de Manzaneda as actuacións corrían a cargo dos grupos Ballet Folk del Instituto Tecnológico de Celaya, México, dos senegaleses do Ballet Jammu e dos compoñentes da Academia Andrés Valiente, Danzas y Proyecciones Folklóricas de Panamá.

O público asistente ao encontro folclórico en Bande podía admirar os ritmos e as rechamantes danzas da Fundación Ballet Folclórico de Nobsa, de Colombia, o Yuan Yuan Dance Group de Taiwán e os serbios da agrupación Kud Srem.

A organización deste popular evento é da Deputación de Ourense, a través do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e dos diferentes concellos anfitrións.

 

 

As Xornadas de Folclore finalizan neste 2024 a súa XXXIX edición, aínda que levan 41 anos de traxectoria, trala parada obrigatoria de dous anos imposta pola pandemia. Neste tempo, baixo a dirección artística de Xulio Fernández, trouxeron ata a provincia ourensá a tradición folclórica de 400 grupos e subiron aos escenarios das vilas a 15.000 artistas. Só nesta edición participaron 170 persoas, entre músicos e danzantes.

Na presentación das Xornadas deste ano, Xulio Fernández recoñeceu o gran traballo que esixe a posta en marcha dun evento cultural destas características, citando especialmente a coordinación de Xabier Álvarez, e aos guías e voluntarios que traballan a diario cos artistas das seis agrupacións folclóricas que recorreron as 16 vilas da provincia. Tamén resaltou “a implicación da cidadanía nun espectáculo de máximo nivel e de referencia en España”.

 

 

O Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, dependente da Deputación de Ourense, nace no 2004, ano no que se lle dedicou o Día das Letras Galegas ao prestixioso etnógrafo ourensán Xaquín Lorenzo Fernández. O seu obxectivo principal é promocionar todo tipo de actividades encamiñadas a recuperar, conservar e espallar a cultura do noso pobo, incidindo con máis forza naqueles aspectos que, a causa da ruptura das habituais canles de transmisión, desapareceron practicamente.

 

 

O 20 de agosto: Ourense

Un colorido desfile formado polos compoñentes das seis agrupacións folclóricas que participan nesta edición recorrerá mañá as rúas da cidade. O recorrido comezará ás 22.30 horas no Parque de San Lázaro e rematará na Praza Maior, onde terá lugar o Festival.

 

 

Back to top button