ConcellosÚltima hora

Luis Fernández Guitián: “A marca da Ribeira Sacra iniciou a súa pegada hai 900 anos”

O presidente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra agradecía "a cada unha das persoas que habitou, habita e coida desta fermosa paisaxe" na celebración en Montederramo do noveno centenario da aparición nun texto do termo "Rovoyra Sacrata"

 

A oportunidade de celebrar un noveno centenario non é algo habitual. Por iso, dende o Consorcio de Turismo Ribeira Sacra non podían deixar pasar sen máis a data deste 21 de agosto. Nela cúmprense 900 anos da aparición por vez primeira nun documento oficial do termo “Rovoyra Sacrata”, do que toma o seu nome o actual territorio da Ribeira Sacra.

“Estamos aquí porque o nome “Rovoyra Sacrata” aparece por primeira vez nun documento datado o 21 de agosto de 1124 en Allariz, no que a raíña Tareixa de Portugal, xunto co conde Fernando Pérez e co seu fillo Alfonso Enríquez, doan ao mosteiro de Santa María de Montederramo, o lugar de “Rovoyra Sacrata”, cuxos termos se delimitan no territorio de Caldelas”, lembraba esta mañá Luis Fernández Guitián, presidente do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra no que acto institucional co que esta entidade celebraba este aniversario, precisamente, no Mosteiro de Santa María de Montederramo. Nesta conmemoración participaban numerosas autoridades e no seu decurso entregábase a tradución do escrito fundacional realizada por Mario Vázquez Carballo.

Fernández Guitián agradecía o apoio da Xunta a este acto e tamén a implicación do alcalde de Monderramo, Óscar Diéguez, ao inicio dun discurso no que non quixo entrar no debate etimolóxico “que se pon sobre a mesa habitualmente coas interpretacións de tres historiadores: Fray Antonio de Yepes, cuestionado máis tarde por Manuel Vidán Torreira e Torquiato de Souza. Pero si quixeramos que hoxe teñan cabida diferentes puntos de vista e por iso nos acompañan persoas como Suso Verao co que teremos a oportunidade de conversar máis tarde, que defende a marca dende outra perspectiva. O debate existe dende hai moitos anos e queremos que siga a ser así. Ribeira Sacra como un espazo de debate e entendemento, onde todas as voces conten”.

 

 

Deseguido, o presidente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra facía un rápido percorrido por unha serie de fitos “que foron fornecendo a marca que iniciou a súa pegada hai 900 anos e que nos trae hoxe ata aquí”. Comezaba explicando que “é moi probable que xa moitos anos antes houbese visitantes que se perdesen por estes recónditos espazos da Galicia interior grazas a artigos como o de 1914 de Manuel Martínez Sueiro no que recoñecía a admiración do viaxeiro por «La Ribera Sagrada» ou a raíz das declaracións dos Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil e San Pedro de Rocas como Monumentos Histórico-Artísticos no ano 1923”.

Proseguía lembrando que  18 de setembro de 1991 o DOG recollía “a autorización da Consellería de Agricultura do primeiro Consello Regulador Ribeira Sacra de Viños da Terra. Nese mesmo ano, abre as súas portas en O Saviñao o que está considerado o primeiro establecemento de turismo rural de Galicia, Torre Vilariño” e que entre os anos “93 e 94 comezan os percorridos fluviais, tanto dende a ribeira ourensá do Sil, como da lucense. Segue a ser a actividade máis demandada polos visitantes”.

Tamén no 1994 nacía “unha mancomunidade de nome “Ribeira Sacra” na provincia de Ourense para a xestión de servizos entre diferentes concellos” e, dous anos despois, en 1996 “a Denominación de Orixe Ribeira Sacra pasa a ser unha realidade, coa creación do Consello Regulador que coñecemos hoxe. E outro gran fito do 96, Ribeira Sacra entra na listaxe indicativa da UNESCO. Era o primeiro paso para poder optar a unha candidatura a Patrimonio Mundial”.

 

 

Fernández Guitián comentaba ademais que no 1997 Ribeira Sacra aparece por primeira vez na guía de turismo rural de Galicia, no apartado “Outros espazos rurais”, que no 2000 o sector turístico inicia un proceso de asociacionismo a través de LUGOSUR e TURISACRA e que, entre o 2003 e o 2004, apertúranse os dous Paradores, Santo Estevo e Monforte.

Outros referentes que citaba eran a inauguración da exposición “Ribeira Sacra, Esencia de espiritualdiade de Galicia” no 2004, a concesión do Plan de Dinamización Turística e creación do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra no 2005 e que no 2006 Turgalicia editaba a primeira guía turística específica de Ribeira Sacra e o Consorcio de Turismo, o primeiro mapa conxunto.

No 2007 abría as súas portas o primeiro Centro de Interpretación de Ribeira Sacra, San Pedro de Rocas, no “2011 Ribeira Sacra pasa a ser un dos xeodestinos oficiais de Galicia e no 2013 as deputacións (de Ourense e Lugo) e o Valedor do pobo retoman o impulso a unha posible candidatura a Patrimonio da Humanidade. No 2015 a Dirección Xeral de Patrimoniod Cultural inicia o expediente para declaración de Ribeira Sacra como Ben de Interese Cultural que se oficializa en 2018 e, ao ano seguinte, quedaba avalada a candidatura polo Consello do Patrimonio Histórico”.

O presidente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra concluía esta cronoloxía sinalando que no 2021 producíase a declaración de Ribeira Sacra como Reserva da Biosfera xunto con Serras de Oribio e Courel e que no 2024 quedaba avalada a candidatura polo Consello do Patrimonio Histórico como Paisaxe Cultural da Auga”. E deixaba no aire unha pregunta, “¿sumaremos outro fito en dous anos?”.

Ademais indicaba que a todo isto “hai que sumar todos os logros do mundo do viño, dos queixos, dos cociñeiros, e outros moitos que levan por bandeira o nome de Ribeira Sacra. Graciñas a cada unha das persoas que habitou, habita e coida desta fermosa paisaxe. Tentaremos seguir rendindo tributo ata o 21 de agosto de 2025 con diferentes actos e iniciativas e coa colaboración de diferentes entidades”.

Máis información e fotos:

A Ribeira Sacra reivindica os seus valores no 900 aniversario da aparición do termo “Rovoyra Sacrata” nun documento oficial

Back to top button