
A Xunta vén de notificar ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) a detección de cinco novos focos de Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE). Trátase de dous focos localizados nas comarcas veterinarias de Lugo e A Fonsagrada, na provincia de Lugo, e de tres focos nas comarcas veterinarias de Baixa Limia, Ourense e Terra de Celanova, na provincia de Ourense.
Ao tratarse de focos localizados en provincias nas que xa se declarara a enfermidade en 2024, o diagnóstico laboratorial foi realizado exclusivamente polo Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia, dependente da Consellería do Medio Rural.
Con esta declaración, Galicia ten notificados focos en 15 comarcas veterinarias; 10 na provincia de Ourense (Maceda, A Limia, Ourense, Terra de Celanova, Baixa Limia, Verín, A Gudiña, Terra de Trives, Terra de Caldelas e Viana) e cinco na de Lugo (Ancares, Sarria, Terra de Lemos, Lugo e A Fonsagrada), neste novo período estacional 2024 de circulación do vector transmisor. Así, o número de explotacións positivas confirmadas sitúase en 195 e os animais positivos confirmados en 381.
“A EHE é unha enfermidade infecciosa, pero non contaxiosa, producida por un virus que se transmite aos animais exclusivamente a través da picadura de mosquitos do xénero Culicoides,spp. Dada a vía de transmisión, esta enfermidade aparece mentres exista o mosquito vector circulando no ambiente. Existe polo tanto un período de posible afectación dos animais (aproximadamente de abril a decembro) e outro, nos meses de inverno, nos que ao no existir circulación do vector, non existe posibilidade de infección nos animais”, segundo indica Medio Rural.
A única vía de contaxio nos animais é a través da picadura dos mosquitos transmisores, polo que non é posible a transmisión directa ou indirecta entre eles. Ademais, esta doenza non afecta ás persoas, que non poden enfermar nin pola picadura do mosquito transmisor, por contacto con animais infectados, nin polo consumo de produtos de orixe animal (carne, leite…) destes animais.
Vacina desenvolvida pola galega Zendal
Ao tratarse dunha enfermidade vírica, “non hai tratamento curativo, pero existe unha vacina desenvolvida pola farmacéutica galega Zendal e autorizada pola Axencia Española do Medicamento e Produtos Sanitarios, que xa está dispoñible para a súa adquisición baixo prescrición veterinaria”, indica Medio Rural. Ademais da protección inmunolóxica que suporá a administración da vacina, é fundamental, prosegue, “a aplicación de medidas preventivas encamiñadas a evitar o contacto dos animais co mosquito vector”, en concreto:
- Evitar a existencia de posibles zonas de cría do mosquito transmisor nas explotacións, fundamentalmente áreas con materia orgánica húmida ou lama, zonas de elección para a cría para estes mosquitos.
- Utilizar preventivamente desinsectantes ou repelentes nas instalacións, nos medios de transporte ou nos animais, nos casos que se considere oportuno.
- No caso de detectar animais con sintomatoloxía compatible coa enfermidade, tanto bovinos como cérvidos silvestres, debe comunicarse esta circunstancia de xeito inmediato aos servizos veterinarios oficiais da Consellería do Medio Rural.