EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

A Ruta do Viño de Valdeorras organiza o curso de cata “De tal uva, tal viño”, o 21 de setembro en Vilamartín

Durante a xornada, realizarase a cata de diversas variedades de uvas, e viños brancos e tintos pertencentes á Denominación de Orixe Valdeorras, incluíndo variedades como godello, mencía, garnacha tintorera, entre outras

 

A Ruta do Viño de Valdeorras organizará o vindeiro 21 de setembro o curso “De tal uva, tal viño”, no Complexo Hostaleiro Paladium, en Vilamartín. Este curso, eminentemente práctico, ten como obxectivo ofrecer aos participantes os coñecementos esenciais en materia de cata e elaboración de viños, con especial atención aos aspectos organolépticos e enolóxicos.

O curso desenvolverase en dúas sesións: unha pola mañá, de 11h. a 14:30h., e outra pola tarde, de 17:30h. a 20h. Durante a xornada, realizarase a cata de diversas variedades de uvas, e viños brancos e tintos pertencentes á Denominación de Orixe Valdeorras, incluíndo variedades como godello, mencía, garnacha tintorera, entre outras.

Ademais, ofrecerase unha visita opcional o 22 de setembro á adega Alan de Val da Rúa, onde os participantes poderán catar mostos colleitados durante a vendima e finalizar a experiencia cun xantar no Bar Escondite Inglés (tamén na Rúa) cuxo prezo son 25€.

 

 

O curso será dirixido por Jorge Mazaira, director técnico do Consello Regulador da D.O. Valdeorras, e ten un custo de 30 euros, sen incluír o xantar. As inscricións poden realizarse a través do formulario dispoñible na páxina web www.rutadelvinovaldeorras.com. Para obter máis información, pódese contactar ao número 604 07 87 53 ou enviar un correo electrónico a info@rutadelvinovaldeorras.com.
A Ruta do Viño de Valdeorras comprácese en brindar orientación sobre opcións de aloxamento e restauración a todos os asistentes que cheguen desde fóra da comarca.

Back to top button