O compositor e músico inglés Jonathan Meyer entusiamaba ao publico, que volvía a encher na tarde do 21 de setembro o Mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil (Parada de Sil), coas súas “ragas”, que significa literalmente modo ou estado de ánimo.
Os “ragas” interpretados neste concerto conectan as partes do día con distintos estados de ánimo e van precedidos dos textos que os inspiran. Neste caso concreto foron a mañán apacible, o mediodía místico e a tarde alegre. Con estes ragas rendeuse unha homenaxe a personalidade de Rabindranath Tagore, pintor, músico (tamén tocaba o sitar), novelista, poeta e a primeira persoa non europea en recibir o Premio Nobel de Literatura, polo seu libro de poemas e cancións Gitanjali, de onde proceden os textos escollidos para este concerto.

Entre o público asistente estaba a premio Nacional de Poesía 2024 Chus Pato e a xerente do consorcio de Turismo Ribeira Sacra, Alejandra Seara. No seu saúdo, o alcalde de Parada de Sil, Aquilino Domínguez, volveu a agradecer a patrocinadores, público e asistentes a súa presenza así como a Shelly Art, a quen lle encargou que se poñan a traballar para organizar a cuarta edición do próximo Santa Cristina In Música, Diálogo musical na Ribeira Sacra.
Fotos cedidas.