
A vindeira fin de semana a praza Roxa de Lobios acollerá a segunda edición da Festa Etnográfica da Respiga, unha iniciativa promovida pola Asociación Cultural Follateir@s de Lobios. En concreto será o domingo 29 de setembro cun programa que se iniciará ás 11h. coa apertura da feira de artesanía, o inicio do obradoiro de antefaces e a música tradicional con Os Afinantes.
Ás 12.30 horas terá lugar o II Concurso Internacional da Respiga e ás 14.00 horas poderase gozar coa gastronomía internacional (polbo, churrasco, bolos preñados, bica, arepas, cachapas…). Ás 16.30 horas as pandereteiras As da Chispa ofrecerán unha actuación e ao termo haberá foliada.
“En breve empezaremos xa co noso traballo de cortar o millo, e preparar as moreas na Praza Roxa de Lobios, para o domingo disfrutar dun gran día de festa. O traballo de todo o ano, para que todos poidamos pasar un día extraordinario lembrando esta tradición”, din dende a organización.
