
O Ourense Film Festival (OUFF) desvelaba esta mañá no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense o palmarés da súa 29ª edición. Despois dunha semana na que o públicou gozou de grandes estreas nacionais e internacionais, con presentacións dos propios directores e directoras, chegou o momento de coñecer o veredicto do xurado da Sección Oficial Internacional e a Sección Oficial Panorama Galicia.
Los destellos, da directora Pilar Palomero, foi a elexida para levar o gran premio do certame, a Calpurnia á Mellor Película, “por contar desde a coherencia , a naturalidade e a emotividade o sentimento ante a morte e utilizar as ferramentas do oficio dun xeito extraordinario”. Non foi o único recoñecemento para esta película -que xa foi aclamada en outros festivais como o de San Sebastián-, tamén levou unha mención especial na categoría de Mellor Interpretación polo traballo da actriz Marina Guerola, “porque dende a sutileza mostra a viaxe dos coidados e o acompañamento”.
O Premio Carlos Velo á Mellor Dirección foi para as directoras Astrid Rondero e Fernanda Valadez por Sujo, unha película mexicana que narra a historia dun neno de 4 anos fillo dun sicario asasinado. O xurado destacou “o punto de vista femenino nun universo masculinizado, con valentía e honestidade e describe con fermosura e profundidade o drama da infancia roubada.
O galardón a Mellor Guión foi para Mongrel, ópera prima do taiwanés Wei Liang Chiang, unha proposta de realismo social que conta as vivencias de Oom, unha persoa que ten que elexir entre a supervivencia e a dignidade no contexto da migración ilegal. Mongrel tamén leva unha mención especial en Fotografía “por facer sinxela a crudeza dos espazos convertendo á luz nunha personaxe máis”. Na categoría de Guión recibiu tamén unha mención especial La luz que imaginamos -da directora india Payal Kapadia-, “por reflexar un mundo de tres mulleres de diferentes xeracións, en choque con unha realidade marcada pola tradición”.
A Mellor Interpretación é para o protagonista do filme portugués O bêbado -do cineasta André Marqué-. O xurado valorou así o traballo de Vítor Roriz, quen se estrea como actor interpretando a deriva dun home alcohólico destacando como mantén “a tensión dramática nun descenso aos infernos contido e verdadeiro”.
Ademais o Premio Especial do Xurado correspondíalle á película sueca Crossing, do director Levan Akin: “por construir unha road movie interior, que acompaña a unha viaxe real na transformación das personaxes, abrazando as súas diferenzas, converténdose nun canto á tolerancia”.
O Xurado Internacional está composto por Elisa Santos -docente, artista e fotógrafa-; José Antonio Pastor -guionista e productor-; Mariana Carballal -actriz e profesora e Luis Avilés, quen leu o veredicto esta mañá -realizador, director e guionista-.
Sección Oficial Panorama Galicia
O documental de Adien Bordone Mes amis espagnois leva o premio grande da Sección Oficial Panorama Galicia, o Premio Xacobeo á Mellor Película. Bordone afonda cunha ollada especial ao tema da emigración dende unha experiencia nova, a dos fillos de emigrantes en Suiza que, en plena adolescencia, teñen que trasladarse a Galicia. O xurado destacou “a aportación novidosa da visión da emigración galega dese outro punto de vista, neste caso a dun director suízo que lembra aos amigos galegos que perdeu por mor do retorno a Galicia. As súas conversas, soños, proxectos e desexos converten o filme nunha aportación pioneira sobre unha realidade, a emigración galega, que segue a ser un feito diferencial do país”.
Emilio Fonseca, director ourensán, gañou o Premio Ourense Film Commissión á Mellor Dirección con Salvaxe, Salvaxe, un ensaio fílmico no que a cámara entra no nos montes galego-portugueses procurando imaxes e ausencias do lobo ibérico. O xurado valorou de xeito especial “a hibridación de xéneros, o risco formal, o achegamento á natureza e a aportación de ofrecer ao espectador aquilo que non se pode ver”.
Paisaje Épico, de Valeria Roig, levou o recoñecemento a Mellor Guión pola “singularidade e aposta arriscada de recrear a viaxe que no seu día realizou o pintor catalán Fidel Roig Matóns polas terras americanas, no seu desexo de xuntar no seu traballo as paisaxes e a historia dun lugar que no seu día acolleu episodios de grande relevancia histórica”.
A Mellor Interpretación foi para Aurora, a protagonista do documental da viguesa Area Erina, do mesmo nome. Unha historia na que dúas mulleres, Aurora e Area, de idades e experiencias distintas, crean unha relación íntima de conversas sobre a morte, a familia, a guerra ou o papel da muller. “O achegamento a unha realidade, a do rural galego, que está a desaparecer e o encontro interxeracional que permite recoller as testemuñas de varios aspectos”.
O OUFF está organizado pola Fundación Carlos Velo co patrocinio principal da Deputación de Ourense e o apoio da Xunta de Galicia.