CulturaCulturaÚltima hora

“Esencial”, un paseo polos 80 anos de creación do pintor barquense Jesús Díaz Ferrer, en Pontevedra

Do 4 ao 20 de outubro esta mostra poderá visitarse na sala de exposicións do Palecete das Mendoza

 

Constitúe un percorrido polas oito décadas de produción do artista valdeorrés Jesús Díaz Ferrer (1922 O Barco-Concud, Teruel, 2017) no marco do centenario do seu nacemento. A exposición “Esencial”, que poderá verse ata o 20 de outubro na sala de exposicións do Palacete das Mendoza en Pontevedra, achega debuxos, gravados e bosquexos, pero tamén unha serie de deseños da súa etapa como mestre colorista na factoría de tecidos Guggenheim & Sons en Zürich, en 1958.

Jesús Díaz Ferrer foi “un creador curioso e atrevido que pasou a súa vida completamente consagrado e entregado á arte. As súas obras compartiron espazo xunto ás de Matisse e Picasso e foron comercializadas nas casas de subastas máis prestixiosas de España. Esta exposición conmemora o centenario do seu nacemento”, destaca o comisario da mostra, Luis Enrique Rodríguez “Coquixo”.

A exposición poderá verse de luns a venres de 9h. a 20h., os sábados e festivos de 10h. a 14h. e de 16h. a 19h. e domingo de 10 a 14h. Esta mostra foi organizada pola Concellería de Cultura do Concello do Barco.

O seu contido está estruturado en dúas partes ben diferenciadas, unha delas inclúe 48 cadros en branco e negro de diferentes etapas, temáticas e estilos, abranguendo un lapso de tempo de 70 anos. A segunda, correspóndese con deseños da colección persoal de Díaz Ferrer, na que desenvolveu ideas e efectos baseados na cor para tecidos.

“A liberación do soporte plano do lenzo deulla a oportunidade de pescudar no mundo do cromatismo como nunca antes o fixera. Desenvolveu ideas previas e mergullouse noutras novas, supoñendo neste senso unha etapa crucial para a súa arte posterior”, resaltaba Coquixo. Dese xeito, “a combinacióin harmónica de cor e branco e negro e das distintas “esencias” presentes na obra de Díaz Ferrer, déronlle o verdadeiro sentido a este proxecto expositivo”, aseguraba o comisario.

Fotos cedidas.

 

Back to top button