EconomíaEconomíaPizarraÚltima hora

Visita ao sector da lousa de alumnado e profesorado da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña

 

Unha trintena de alumnos, acompañados de profesores da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña, ETSA, coñecían neste 25 de outubro a canteira de lousa Oportuna de Pizarras Vazfer-Manada Vieja e, posteriormente, a súa nave de elaboración. O obxectivo desta visita, promovida polo Clúster da Pizarra de Galicia, é que os futuros arquitectos se acheguen a esta pedra natural e coñezan o seu proceso desde o inicio ata o final do seu proceso produtivo, e mostrar as posibilidades que ofrece na construción de edificacións.

Na liña de accións conxuntas que o clúster vén realizando coa Escola Técnica Superior de Arquitectura, ETSA, e a Escola Universitaria de Arquitectura Técnica da Coruña, EUATAC, a visita realizada esta mañá, complementa a conferencia técnica realizada o pasado mércores, día 23 de outubro, titulada “Extracción, unha mirada desde a lousa”, e impartida polos arquitectos Carlos Quintans e Zaida García na sede da ETSA.

Para os visitantes a experiencia resultaba “moi proveitosa e orixinal”, debido a que para moitos esta era a primeira vez que pisaban unha canteira ou unha nave de lousa e, para algúns, “a primeira impresión foi tremenda”.

Ferramentas do Plan de Promoción

Conferencias e visitas especializadas, son ferramentas contempladas no Plan de Promoción recentemente que está a desenvolver o Clúster da Pizarra de Galicia, tendo presente que o colectivo de arquitectos e arquitectos técnicos, é un dos prescritores de material de construción máis importantes do sector.

Os relatorios constitúen un instrumento para tratar de conseguir un maior coñecemento sobre a lousa por parte dos alumnos, que se complementa coa experiencia in situ, para saber de onde vén e como se extrae o produto en orixe, o que lles axudará a apreciar o seu valor.

Fotos cedidas.

Back to top button