
Continúa a XXV Salón Internacional de Turismo Gastronómico-Xantar en Expourense no que, entre outras actividades, neste 26 de outubro celébrase o Día da Veiga. Para esta tarde están previstas degustacións de “Sabores de Trevinca” no expositor co que o Concello participaba na mostra.
Este stand recibía esta mañá a visita da conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e do director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, entre outras autoridades, que enxalzaron os 25 anos que leva traballando esta feira internacional para promocionar a riqueza gastronómica da Comunidade. Tamén lle entregaban ao alcalde da Veiga, Juan Anta, o recoñecemento por estar este día adicado ao seu concello.
Nesa liña, Ángeles Vázquez salientou tamén o compromiso dos promotores do evento coa protección do medio ambiente e a sostibilidade. De feito, as actividades incluídas en Xantar, ademais de levar 19 anos enmarcadas no Encontro internacional de gastronomía saudable e sostible, fan unha importante aposta polo uso de alimentos de proximidade. O uso de produtos agroalimentarios e pesqueiros galegos representa un grande apoio para estes sectores produtivos e, a maiores, tamén contribúe a reducir a pegada de carbono.

Pola súa banda, o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, tamén quixo manifestar coa súa presenza o apoio ao Salón Internacional de Turismo Gastronómico Xantar, precisamente a xornada que se celebra do Día do Turismo. Xosé Merelles constatou como cada ano a calidade e excelencia dos produtos, empresas e restauradores galegos suman atractivos e potencian a oferta enogastronómica da Comunidade, converténdose nun polo de atracción para visitantes que entronca ademais coa filosofía e obxectivos da Estratexia de Turismo de Galicia 2030.