Andainas-Trails-OrientaciónDeportesÚltima hora

A XVIII Andaina de Outono do Barco reunirá a unhas 330 persoas o 10 de novembro

 

Dende a praza do Concello do Barco sairá o vindeiro domingo 10 de novembro a XVIII Andaina de Outono. A saída darase ás 9h. e haberá dúas distancias: a longa de 25 km e a curta, de 15 km. As inscricións pechábanse onte, 4 de novembro, con case 330 inscritos (case a metade mulleres), a meirande parte de fóra da comarca, tal e como destacaba esta mañá na presentación da proba o presidente do Club Peña Trevinca Barco, Miguel de la Cal, que estaba acompañado por outros membros da entidade, así como polo alcalde do Barco e polo concelleiro de Deportes, Alfredo García e Aurentino Alonso, respectivamente. “Hai uns 150 participantes da Coruña, 142 de Ourense, 55 de Pontevedra, ademais de xente doutras zonas de España como León, Castellón, Madrid ou Biscaia. Cada vez atrae a máis xente”, sinalaba.

Ademais, detallaba o percorrido desta edición que terá tres subidas e tres baixadas no caso do traxecto de 25 km. Tras saír da praza do Concello do Barco irase dirección ao Serro, esa será a primeira das subidas. “Despois baixaremos ao río Cigüeño e sairemos á nacional e iremos dirección a Oval e xiramos para ir a Reporicelo, que será a segunda subida. A continuación crestareamos por baixo das Penas Marías camiño de Xagoaza, onde voltaremos a subir e rodearemos a canteira de Cedie con outra pequena subida. Deseguido continuaremos por Vilarrica, Mosteiro, O Castro e baixada por Veigadecabo para entra novamente no Barco”, explicaba de la Cal.

No caso da andaina curta os 12 primeiros quilómetros serán comúns aos da longa, e, unha vez que se pase Reporicelo, pola zona da canteira descenderase cara Vilanova. “Ambas rutas son asequibles, non son demasiado dura, aínda que a longa teña un desnivel de 1.096 metros, pero ao ter subidas e baixadas é moi diferente á do ano pasado, na que tivemos unhs subida durísima de 9 quilómetros e logo xa todo baixada”, indicaba o presidente do Club Peña Trevinca Barco, que destacaba a beleza da paisaxe que se pode desfrutar durante o percorrido, que “creo que vai gustar moito”.

Trátase dunha proba de regularidade con 3 controis distribuídos ao longo do percorrido máis o da meta. “No noso club temos xente moi competitiva, pero as andainas que facemos son de regularidade, non gana o que chega antes, é o que é máis regular, hai que manter un mesmo ritmo. É cuestión de desfrutar, non de competir e iso é o que se prima na liga galega e ibérica”, comenta o presidente do club.

Estableceranse tres avituallamentos na distancia de 25 km , que se farán coincidir cos controis de tempo: un ao pasar o río Cigüeño no km 6,9 (común para andaina de 15 km), un segundo á entrada de Xagoaza (km 13) e o último en Vilarrica.

 

 

 

Esta andaina será organizada polo Club Peña Trevinca Barco en colaboración co Concello do Barco e trátase dunha cita oficial da Federación Galega de Montañismo, que forma parte da II Liga Xunta de Galicia de Sendeirismo e da Liga Ibérica de Sendeirismo da Federación Española de Deportes de Montaña e Escalada, que se desenvolve ao longo deste ano 2024. “A federación apostou polo O Barco e recoñecen que a proba do ano pasado foi a que máis calou e nesta ocasión están seguros de que vai ser tamén bastante importante para a liga”, apuntaba de la Cal, que agradecía ao Concello do Barco o seu apoio ao Club Peña Trevinca para organizar esta cita.

Pola súa banda, o alcalde do Barco, Alfredo García, aseguraba que “é unha ruta espectacular e esperemos que acompañe o bo tempo. Espero que todo saia ben e a seguir traballando. O Barco é o que é en deporte grazas a que hai clubs e entidades que se implican a tope”.

O programa da andaina, cuxa meta estará tamén na praza do Concello do Barco, concluirá cun xantar para os participantes no pavillón vello, onde o menú será arroz con botelo.

Back to top button