
A XVIII Andaina de Outono 2024 O Barco de Valdeorras, organizada polo Club Peña Trevinca en colaboración co Concello do Barco, reuníau esta mañá a uns 360 participantes. Senderistas da Coruña, Pontevedra, Ourense, Lugo, Santander, Biscaia, Madrid, Castellón ou León, por citar algúns lugares de procedencia, asistían a esta nova edición puntuable para a II Liga Galega de Sendeirismo e a liga Ibérica de Sendeirismo, FEDME (Federación Española de Montaña), tempada 2024-2025 sendo a sétima e oitava proba da citada competición.
O presidente do club, Miguel da Cal, destacaba o crecemento e éxito da “andaina” que este ano alcanzou un número récord de inscricións. A proba contou co patrocinio da compañía eléctrica Iberdrola que enmarca esta iniciativa dentro do seu programa Convive Hidro, entre outras entidades empresariais, locais e autonómica.
Os participantes puideron elixir entre dúas rutas: unha longa, cun recorrido de 25 quilómetros cun desnivel de 1.096 metros, e outra curta, de 15 quilómetros e un desnivel de 651 metros, planificadas para que todos puidesen gozar dunha mañá en plena natureza sen ter que depender do estado físico de cada un.
A praza do Concello foi o punto de partida e chegada do roteiro para todos os senderistas que compartiron os 12 primeiros quilómetros, punto no que os participantes do camiño con menor distancia desviáronse cara a Vilanova antes de chegar de novo á praza consitorial.
Pola súa banda, a ruta máis longa contaba con tres subidas e tres baixadas con tramos destacados como o monte Sierro, a zona de Reporicelo, o Mosteiro de Xagoaza, a Torre do Castro, o Pazo do Castro ou Vegadecabo. Non faltaron puntos de asistencia, control e avituallamento durante ambas as probas.
A cultura e as paisaxes de Valdeorras centraron unha vez máis unha xornada que uniu deporte, cultura e unha gastronomía local como broche final da XVIII Andaina de Outono 2024, evento que se converteu nunha cita ineludible para senderistas de toda a comunidade autónoma de Galicia e doutras partes de España.
Concluída a xornada, o tenente alcalde do Barco, Aurentino Alonso, o vogal de Sendeirismo da FGM, Henrique Freixeiro, presidentes de clubs participantes, así como Miguel de la Cal xunto á súa comisión directiva, acompañan aos participantes nunha degustación de arroz con botelo, no pavillón municipal.
Todos os participantes recibiron unha camiseta conmemorativa e unha medalla de finalista. Ademais, entregáronse premios aos participantes de maior e menor idade en ambas as modalidades: Dina Campazas García, de 74 anos e natural do Barco, e Lucia Mourele Torrado, de Santa Comba e tan só 12 anos, coroaron o roteiro máis longo, e Juan Ramón López Oviedo, noiés de 81 anos, e Manuel Martiño Rodríguez, barquense de 10, completaron a “andaina” máis curta.