EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

A experta en viños Beth Willard visita a D.O. Valdeorras

Durante tres días percorrerá 17 adegas en seis concellos diferentes da denominación

Cedida.

A Denominación de Orixe Valdeorras recibía neste luns a visita da experta internacional en viños, Beth Willard, en calidade de representante do Master of Wine Tim Atkin, que durante os próximos tres días, percorrerá un total de 17 adegas de 6 concellos diferentes da comarca (O Barco, Rubiá, Vilamartín, A Rúa, Petín, Larouco).

O obxectivo principal desta visita é poder elaborar un informe detallado, con puntuacións individuais, do maior número de viños posible, para que posteriormente poidan ser utilizadas polos produtores para promover as súas marcas e lograr desta maneira, unha maior proxección nos mercados internacionais.

No último ano, Willard incrementou o seu traballo en España a través de novos informes sobre as distintas zonas de viño. Sen ir máis lonxe, o pasado mes de maio, catou, xunto con Tim Atkin, 600 viños de varias zonas de España, como parte do informe “Discover Spain”.

Despois de máis de 15 anos traballando en España, primeiro como compradora e agora como xornalista e crítica,  Beth Willard, decidía este verán establecer a súa residencia neste país. Os últimos informes elaborados por ela foron sobre Navarra, Aragón e Bierzo, e na súa axenda tamén se inclúen as zonas da Serra de Gredos e as máis próximas a Madrid.

Escritora da revista Decanter, Willard é tamén co-presidenta dos premios desta publicación, os Decanter World Wine Awards, ademais de membro da Gran Orde de Cabaleiros do Viño. Así mesmo, realiza regularmente, presentacións e catas de viños españois.

Back to top button