Excelente acollida da iniciativa “Aproximación aos Viños da Provincia de Lugo”, organizada por Paadín Eventos co apoio da Deputación de Lugo. Este proxecto, que vén de desenvolverse no Pazo de San Marcos de Lugo, combina unha vertente profesional cun achegamento divulgativo, buscando posicionar aos viños desta provincia, e “promovendo tanto a súa calidade coma a súa singularidade no ámbito nacional e internacional”.
A xornada contaba coa participación dos expertos Luis Paadín e Frédéric Galtier e estaba estruturada en dúas partes: unha conferencia de carácter técnico e profesional, e un Túnel do Viño, unha experiencia de cata aberta ao público.
Na primeira parte da xornada, Luis Paadín, autor da recoñecida Guía de Viños, Destilados e Adegas de Galicia, presentaba un percorrido histórico polas tendencias de consumo de viño, apoiándose en datos oficiais de exportación e estudos de mercado. Así mesmo explicaba como as adegas e rexións vitícolas de todo o mundo adaptaron a súa oferta aos cambios nos gustos dos consumidores e subliñou o potencial dos viños de Lugo —co seu carácter único e alta calidade— para satisfacer as demandas actuais.
Frédéric Galtier, delegado en España do Concours Mondial de Bruxelles e experto comunicador internacional do viño, destacou os retos contemporáneos do sector vitivinícola, tales como a crise climática e o cambio nas preferencias dos consumidores. Galtier identificou estas dificultades como unha oportunidade para que a Ribeira Sacra se posicione no mercado global cos seus viños de carácter e autenticidade, dirixidos a un público cada vez máis atraído por produtos singulares e respectuosos co medio ambiente.
Pola súa banda, o presidente da Deputación de Lugo e alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, avanzou que “os nosos viños, amparados por selos de calidade coma as IXP Terras do Navia ou a Denominación de Orixe Ribeira Sacra, son hoxe exemplo da nosa capacidade para manter as nosas tradicións e, ao mesmo tempo, adaptarnos ás esixencias dun mercado internacional cada vez máis competitivo. A variedade dos nosos tintos, brancos e rosados non só atrae polo seu sabor, senón tamén porque cada botella leva consigo a historia e o carácter do noso territorio.”
Tomé Roca tamén fixo referencia ao impacto do sector vitivinícola no turismo da provincia. “O enoturismo é xa unha realidade que engade valor á nosa oferta turística e atrae a visitantes de diferentes lugares. A creación de rutas de enoturismo, as visitas ás bodegas e á vendima, e as experiencias de cata ao pé das nosas viñas ofrecen aos turistas a oportunidade de coñecer a autenticidade e a beleza da nosa terra a través dos seus viños. Ademais, estas iniciativas axudan a dinamizar o noso rural, a crear emprego e a potenciar a economía local”, avanzou o Presidente da institución provincial.
O Túnel do Viño: unha experiencia única de cata aberta á cidadanía
Como segunda parte da actividade, celebrábase o Túnel do Viño, unha experiencia de cata deseñada para achegar ao público os sabores e aromas da provincia de Lugo. Nesta ocasión, os asistentes puideron gozar dunha cata única de máis de cen viños da D.O. Ribeira Sacra de 70 adegas e a IXP Terras do Navia, nunha mostra sen precedentes que permitiu aos participantes valorar e coñecer a fondo a diversidade enolóxica da rexión.
Cada participante recibiu un kit de sumiller que incluía unha copa de cristal e unha libreta de cata con fichas deseñadas para puntuar cada un dos viños presentados. Este kit, elaborado con materiais sostibles, reforza o compromiso coa calidade e o respecto ambiental desta iniciativa.
O presidente da Deputación de Lugo, gran coñecedor do mundo do viño, visitaba o salón de catas instalado no Pazo de San Marcos e amosou o seu apoio a este proxecto, que pon en valor un sector económico clave para a provincia. A Deputación, mediante o seu apoio, foi peza esencial para que esta mostra de cata e encontro profesional fose posible, destacando a importancia do viño da rexión como motor da economía de Lugo. Tomé Roca estivo acompañado do Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, o Secretario Xeral do PSdeG, José Manuel Besteiro e a deputada do Parlamento Autonómico Lara Méndez
Apoio fundamental da Deputación de Lugo
Grazas ao apoio da Deputación de Lugo, “Aproximación aos Viños da provincia de Lugo” consolidouse como unha cita imprescindible no calendario vitivinícola galego. Co seu formato innovador, que conxuga a análise profesional coa divulgación enolóxica, esta iniciativa permite que os viños de Ribeira Sacra e Terras do Navia se proxecten en mercados nacionais e internacionais, posicionándoos como produtos de alta calidade e grande atractivo para novos consumidores e expertos.