EconomíaEconomíaÚltima hora

O Monumento Natural do Castiñeiro de Pumbariños (Manzaneda), na mostra “Toma castaña”

Poderá visitarse ata o 30 de novembro na Biblioteca Pública da cidade de Ourense

 

A mostra Toma castaña Galicia, da Xunta de Galicia, estará exposta ata o vindeiro día 30 de novembro na Biblioteca Pública de Ourense e propón un percorrido fotográfico por algúns dos soutos e castaños máis coñecidos e destacables da comunidade.

Tras estrearse no mes de outubro na Casa de Galicia en Madrid, onde rexistrou preto dun milleiro de visitas, a mostra poderase desfrutar agora na comunidade galega, onde está previsto que percorra diferentes cidades ao longo dos próximos meses.

A primeira parada da mostra en Galicia é Ourense, onde a veciñanza poderá coñecer de primeira man os 22 exemplares e formacións de castaños incluídos no Catálogo de árbores senlleiras de Galicia e retratados a través dun conxunto de fotografías acompañadas dunha maqueta na que se recrea un souto.

Neste sentido, a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, que visitaba a mostra a pasada fin de semana incidía na relevancia desta árbore en toda Galicia e, particularmente, no caso da provincia de Ourense, que destaca pola “profunda relación” que ten cos castiñeiros e os seu froitos, como unha “parte esencial da súa identidade cultural e natural”.

De feito, incidiu en que a mostra inclúe 16 instantáneas de árbores senlleiras localizadas en varios municipios ourensáns, entre as que citou o Castiñeiro de Pumbariños, Monumeto Natural, localizado en Manzaneda e considerado o máis antigo de Galicia, ou o Gran Castiñeiro de Sorribas, no municipio do Irixo, e lembrou a gran cantidade de magostos e festas de exaltación da castaña que adoita acoller esta provincia en outono.

Así mesmo, a conselleira subliñou a importancia de iniciativas como Toma castaña Galicia para poñer en valor a riqueza do patrimonio natural da comunidade e dos “tesouros e reliquias botánicas” que albergan os seus bosques e vilas.

Ao respecto, subliñou que o Catálogo de árbores senlleiras de Galicia que xestiona a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático está concibido como unha “ferramenta viva” para favorecer a protección e divulgación dos valores e características dos exemplares e formacións que pola súa singularidade se integran neste rexistro.

 

Back to top button