A directora territorial de Emprego da Xunta de Galicia, Marta Vázquez Guzmán e os alcaldes do Barco, Alfredo García; Vilamartín, Enrique Álvarez Barreiro, e Petín, Raquel Bautista, asistían esta mañá na clausura do Obradoiro de Emprego “Valdeorras embelece III”, no que durante o último ano se formaron 20 persoas en situación de desemprego, distribuídos nas especialidades formativas de auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería (12 alumnos); e traballos de carpintería e moble (8 alumnos).
O obradoiro foi aprobado e financiado pola consellería de Emprego, que aportou unha subvención de 531.000 euros para o seu desenvolvemento, ademais doutros 12.000 para incentivos á contratación. E nel traballaron un director, dous profesoress de xardinería, un de carpintería, un de formación dual e un administrativo e os alumnos puideron recibir formación sobre diferentes materias, combinando a teoría con prácticas.
O alcalde do Barco, Alfredo García, desexou que os alumnos formados poidan conseguir traballo nas especialidades do obradoiro, destacando as posibilidades que ofrece este tipo de formación para pór en marcha proxectos de emprendemento, ao tempo que destacou o traballo realizado polos equipo de traballadores e de alumnos.
O alcalde de Vilamartín, Enrique Álvarez Barreiro, facía fincapé no bo facer do profesorado e equipo directivo, que, dixo, “en cada obradoiro o fai mellor”, e os proxectos desenvolvidos por alumnos e profesores, e a rexedora de Petín, Raquel Bautista, felicitaba aos integrantes do obradoiro e destacou de xeito especial os traballos que se fixeron en todos os concellos, e que ao seu parecer foron excepcionais.
A directora territorial de Emprego, Marta Vázquez, congratulouse polo bo funcionamento deste obradoiro, un dos 23 postos en marcha este ano na provincia de Ourense. Según indicou, “Ourense é punteira en Galicia na posta en marcha de obradoiros. Nuns días comezan outros 27 nesta provincia, nos que se investirán 14 millóns de euros, dous máis que o ano pasado”. Felicitou a alumnos e profesores polo bo traballo realizado.
No ano de duración do obradoiro, no Barco de Valdeorras se levaron a cabo o acondicionamento de zonas axardinadas no núcleo do Barco, o valado de parques infantís no municipio, a substitución ou reposición de bancos de madeira en espazos públicos; e a fabricación e colocación de cobre contedores en diferentes puntos do termo municipal.
En Vilamartín de Valdeorras os traballos desenvolvidos foron os de valado de parques infantís, a fabricación e colocación de cobre contedores e a substitución ou reposición de bancos de madeira en espazos público, así como o acondicionamento de xardíns de diversos núcleos do municipio.
No concello de Petín levouse a cabo o acondicionamento e ampliación do Paseo do Malecón e a poda e adecuación de xardíns en diversos núcleos no municipio.