EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

A D.O. Ribeiro cualifica de “exitoso” o showroom celebrado en Londres con Master of Wine e recoñecidos críticos

 

O C.R.D.O. Ribeiro, xunto co resto de Consellos Reguladores galegos que conforman ACRUGA participou en Londres (Reino Unido) nunha exitosa xornada de exhibición e cata de viños dirixida exclusivamente a profesionais do sector, á que asistiron preto da centena de expertos, entre eles, seis Master of Wine, como os ingleses Mathew Forster MW, Jancis Robinson MW, Christopher Martin MW ou o primeiro español en lograr o título, Pedro Ballesteros MW .

O evento celebrouse durante unha xornada no salón Saint James do afamado Club 67 Pall Mall, un dos espazos especializados dedicado ao viño de maior prestixio da cidade do Támesis. A D.O. Ribeiro participou cun túnel de viños cun total de 24 referencias distintas, algunhas xa presentes no mercado británico, cuxos produtores queren consolidar as súas vendas neste destino, xunto a outras marcas que aínda non foron exportadas a Gran Bretaña.

“Reino Unido é un mercado dun gran valor para nosa D.O., é un dos maiores importadores de viño do mundo e, en concreto, dos viños galegos. Cualitativamente o mercado británico é un referente mundial no sector, conta cunha gran cantidade de prescritores e críticos vinícolas asentados neste país que fan que se vaian actualizando continuamente as tendencias no mercado”, indica Concha Iglesias, presidenta do C.R.D.O. Ribeiro, en relación á participación nesta acción conxunta.

 

 

Calidade e diversidade

O II Salón dos Viños e Augardentes de Galicia mostrou ao público profesional asistente a calidade e diversidade das elaboracións da Galicia vitivinícola, co seu forte sinal atlántico, así como os seus destilados.

ACRUAGA -que naceu en 2021- activou esta acción promocional no marco dun convenio asinado co IGAPE, con diferentes obxectivos, entre eles o de favorecer e impulsar o grao de coñecemento dos viños e licores galegos a través de accións de visibilizacion, divulgativas e formativas conxuntas en diferentes puntos de España e do estranxeiro.

Un convenio que xa favoreceu que diferentes viños e destilados de Galicia participasen no mes de febreiro deste ano, baixo un mesmo espazo expositor, en Vinexpo, unha das feiras máis relevantes do sector, que anualmente se celebra en París.

Back to top button