Andainas-Trails-OrientaciónDeportesÚltima hora

Marcha do Club Peña Trevinca Barco para colocar o tradicional belén con teito galego

 

Unhas 75 persoas de Valdeorras, pero tamén doutros puntos de Galicia e de España, participaban na xornada do 14 de decembro na marcha de montaña que organizaba o Club Peña Trevinca Barco para colocar o seu tradicional belén no teito galego, o cume de Pena Trevinca (2.127 m.). “Normalmente nesta subida viñamos participando entre 12 e 15 persoas, pero este ano decidimos incluír esta actividade dentro da Liga Ibérica de sendeirismo e sumáronse moitísimas persoas, máis de 70. Ademais, máis da metade non subiran nunca a Trevinca”, asegura o presidente do club, Miguel de la Cal.

Os participantes na actividade reuníanse ás 8h. no aparcamento da Casa do Río Cigüeño, no Barco, para subirse ao autobús, se ben tamén había quen levaba algún coche. Dende aí dirixíanse á zona da Cabrita, onde se iniciaba a marcha, en grupo, ás 9h. Chegaban sobre as 12h. ao teito de Pena Trevinca, onde se colocaba o nacemento nunha coviña para a súa protección. Permanecerá alí ata a primavera.

 

 

 

Non faltaban as tradicionais fotos e, tampouco, brindes con champán 0.0, acompañado de doces, como pastas e bica, e de café. Deseguido, os participantes iniciaban o descenso e, a maior parte deles, compartían despois un xantar en Casaio (Carballeda de Valdeorras), con cocido e botelo, así como con potaxe de garavanzos con carne estofada.

 

 

“Foi unh día soleado, despexado e, aínda que loxicamente na montaña a sensación térmica era de frío, houbo momentos no que se sudaba. Foi unha subida realmente moi bonita”, valora o presidente do Club Peña Trevinca Barco. De maneira semellante se manifesta outro dos membros da directiva, Ricardo, “un día para a lembranza e con moita sintonía entre todos”.

Fotos: Club Peña Trevinca Barco.

 

Back to top button