
Na noite do 24 de decembro producíase un incendio nunha vivenda en Ourense no que falecía unha muller, tal como indican dende o 112 Galicia, indicando que o lume “queimou materiais acumulados no interior do domicilio, situado no cuarto piso dun edificio da rúa do Bierzo, onde os servizos sanitarios só puideron confirmar o falecemento da única persoa que se atopaba no interior, unha muller de avanzada idade”.
Era pouco antes das 23:45 horas cando “un veciño deu o aviso ao 112 Galicia e sinalou que estaban tratando de abrir a porta da vivenda, sen éxito”, indican, asegurando que nada máis coñecer a situación, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias solicitaban a acción de Urxencias Sanitarias de Galicia, dos Bombeiros e da Policía Local de Ourense e dos axentes da Policía Nacional.
“Os Bombeiros conseguiron extinguir o lume pouco despois, tralo que ventilaron as estancias afectadas polo lume, que calcinou materiais acumulados no interior do piso. Pola súa banda, os profesionais sanitarios só puideron confirmar o falecemento da muller”, conclúen dende o 112.



