EconomíaEconomíaÚltima hora

Un grupo de locais de hostalaría e ocio nocturno do Barco amosa o seu malestar pola festa de fin de ano do Malecón

Din que lles afectou aos seus negocios esa noite pola baixa afluencia de xente que tiveron

 

Un grupo de establecementos de hostalaría e de ocio nocturno do Barco de Valdeorras veñen de manifestar ante os medios de comunicación o seu malestar pola organización dunha festa de fin de ano no Paseo do Malecón do Barco, que contaba co apoio do Concello.

Os hostaleiros séntense prexudicados pola iniciativa xa que consideran que iso influíu na “baixa afluencia que tivemos na noite de fin de ano”. Consideran ademais que esta festa “vai contra a hostalaría local” xa que os promotores da mesma “contrataron a unha empresa externa de Ponferrada para a organizala. O Concello, ademais de apoiar a iniciativa, pagaoulles unha carpa e, antes, adecou unha explanada para a festa, aínda que finalmente non se fixo alí. É dicir, favoritismo para unha asociación que non ten nada que ver coa hostalaría e que a nós esa noite afectounos moito. O lóxico sería que nos fixeramos a festa nos nosos negocios, que é onde a levamos facendo moitos anos e onde estamos contratando extras, djs, comprando a mercadoría a provedores de Valdeorras… para que todo o conxunto de cidadáns viva e poida desfrutar dunha celebración. E é lóxico tamén que sexa organizada por xente da hostalaría e non por xente allea a este sector, que ten outros negocios. Pensamos que é unha falta de respecto enorme”.

Os hostaleiros din ademais que están analizando o que aconteceu de cara a tomar “medidas pertinentes de futuro, para cambialo para que ninguén poida facer iso se non é do mundo da hostalaría de Valdeorras e que viva disto. Esta é a nosa rama e temos que mirar polo noso negocio”. Tamén critican a permisividade horaria en canto ao son e a música, “que noutros eventos tamén especiais como as festas do Cristo ou festivais está moito máis limitado que nesta festa de fin de ano”.

Tamén se preguntan, entre outras cuestións, por que “o Concello manda ao día seguinte ao servizo municipal de limpeza a limpar a contorna da festa, cando se nós como hostaleiros organizamos un evento, somos nós os que temos que limpar o lugar”.

 

Back to top button