En portadaÚltima hora

Suspéndese a Cabalgata no Barco, pero haberá recepción dos Reis na praza do Concello

 

Cabalgata de Reis o ano pasado no Barco./ Foto: A.R.

 

Agardaban ata case o último momento pero finalmente o Concello do Barco de Valdeorras sumábase á decisión doutras localidades de suspender a tradicional Cabalgata de Reis prevista para a tarde deste domingo 5 de xaneiro. “Ante as fortes rachas de vento que están previstas para esta tarde no Barco, decidiuse suspender, buscando garantir a seguridade dos participantes no acto”, din dende o Concello.

Así, en lugar de saír ás seis e media dende a Estación de Autobuses, os Reis Magos trasladaranse directamente á praza do Concello, onde se celebrará a recepción por parte do alcalde. Os Reis falarán despois a toda a veciñanza e, logo, todos os nenos e nenas poderán ver a Melchor, Gaspar e Baltasar nos tronos que se situarán na zona cuberta da praza do Concello e recibirán caramelos, aptos tamén para celíacos. O Concello preparou media tonelada de caramelos para repartir aos nenos.

Tal como indica o Concello a través das RR.SS., Melchor, Gaspar e Baltasar estarán acompañados de paxes e gardas reais, pero non dos nenos que acompañan aos reis nas carrozas.

Por outra banda, “tamén a causa das fortes rachas decidiuse desmontar a carpa instalada no Campo da Festa para albergar o Parque de NadaL. Os inchables siguen no Pavillón da Rúa España e estarán ata mañá pola mañá”, indica o Concello.

Tras facerse pública a suspensión da cabalgata, un grupo de nais amosaba o seu malestar pola decisión do Concello de facer a recepción ao aire libre,  consideran que debería facerse a cuberto para que tanto os cativos como as nais, pais ou familiares que os acompañen estean resgardados, tendo en conta as previsións de vento e chuvia. “Xa o ano pasado sucedeu o mesmo. Chovía e non había plan alternativo, é unha pena porque xogan coa ilusión dos nenos”, din estas nais.

Artigos relacionados

Back to top button