Andainas-Trails-OrientaciónDeportesÚltima hora

O Quiroga Trail Challenge pecha inscricións mantendo cifras de edicións anteriores: 1.200 participantes

Cedida.

 

En menos de dúas semanas celebrarase a undécima edición do Quiroga Trail Challenge (QTC). O sábado, día 15 de febreiro participarán  nel 1050 deportistas repartidos entre as seis modalidades distintas de carreira e as dúas andainas do Trail do Castelo. Ao día seguinte, o domingo 16, 450 valentes atreveranse co famoso territorio “dor”, nas súas dúas distancias de trail e andaina.

A organización da proba transmítenos o seu entusiasmo e tamén sorpresa: “Pechamos as inscricións en data e límite de prazas para garantir un óptimo desenvolvemento das probas e unha atención de calidade. Levamos varios anos mantendo un nivel de participación moi elevado que nos recompensa enormemente e obríganos a seguir mellorando”, sinalan Blas Rodríguez e Manuel Barreiro, directores do evento.

Hai uns días recibiron outro recoñecemento. No programa Ingrávidos de Radio Marca, especialistas en análise e promoción de eventos de trail running e deportes de aventura, saíron votados como unha das carreiras con máis encanto dentro do territorio nacional, xunto a Bandoleiros e Valle do Genal. Unha mención que “nos sabe a gloria e énchenos de orgullo, tendo en conta a proliferación de probas que existen na actualidade”, agradece Blas Rodríguez, entrevistado no programa.

Estas son as liñas de actuación do QTC´25. Buscando mellorar e innovar cada ano, destacan a gran acollida que tiveron as distancias ultra, con 175 corredores, que superan o récord da pasada edición. Igualmente aumentou a participación nos circuítos e entre os corredores máis noveis, que se apuntaron especialmente á distancia que se estrea nesta ocasión: as carreiriñas, pensadas para promocionar o deporte entre os máis novos e tamén para os principiantes.

Con presenza de practicamente todas as comunidades autónomas e tamén do país veciño, Portugal, contan cun 24% de corredores de fóra de Galicia e, do total, un 25% son mulleres.

“Son cifras moi significativas debido a que queremos dar a coñecer as marabillas que encerra o Xeoparque Montañas do Courel. Deseñamos os percorridos para pasar por todos os seus pobos e ensinar as súas antigas ferrerías e as súas espléndidas fervenzas. Para iso recuperamos camiños primitivos, xa esquecidos, que unían as aldeas da serra”, explican dos directores da proba. Ultimando detalles e á espera de que o tempo acompañe, empeza a conta atrás para gozar doutra #festadotrailgalego!

Back to top button