EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Profesionais de 18 países interésanse polos viños da D.O. Ribeiro na Barcelona Wine Week

Preto de 100 referencias puidéronse catar nun dos eventos máis importantes do sector

Cedida.

 

O C.R.D.O. Ribeiro regresa de participar por segunda vez consecutiva na feira internacional de viños Barcelona Wine Week, que este ano celebrou a súa quinta edición. Tivo lugar do 3 ao 5 de febreiro no recinto Montjuïc de Fira de Barcelona. Os visitantes profesionais do sector vitivinícola que acudiron a este evento puideron mergullarse na D.O. Ribeiro a través dun túnel de cata con 27 referencias de viño, 23 brancos e catro tintos, e as casetas presenciais de seis adegas baixo o paraugas da denominación, así como unha decena máis, repartidas entre os dous pavillóns destinados ao desenvolvemento da feira.

A Denominación de Orixe máis antiga de Galicia mostrouse aos profesionais do sector vinícola asistentes a través dun espazo de cata con 27 referencias entre brancos e tintos:

Ailalelo Castes Tintas, Anxo Martín, A Vilerma, A Telleira Parcelas, Armán Finca Misenhora, Big Bang Caíño Longo, Casa da Porta, Casal de Armán, Casal do Canteiro, Casar de Vide, Costeira Treixadura, Coto de Gomariz, Cunqueiro III Milenium, Cunqueiro Treixadura, Cuñas Davia, Cuñas Davia Tinto, El Patito Feo Lías, Finca Viñoa, Gran Alanís, Modus Vivendi, Quinta do Avelino, Ramón do Casar Treixadura, Renacido, Siah, Terras do Castelo, Village e Village tinto.

A D.O. Ribeiro continúa fidelizando o ámbito internacional grazas á participación nesta feira, que “nas súas cinco edicións está a se converter nunha das tres feiras do viño máis relevantes de Europa”, segundo comentan desde a organización.

A presidenta do Consello Regulador, Concha Iglesias Pousa explica que “repetimos participación neste evento porque cremos que vai camiño de ser un referente vitivinícola tanto a nivel nacional como internacional. Os asistentes ao mesmo puideron probar preto de 100 viños da D.O. Ribeiro de diferentes colleitas (2024, 2023, 2022, 2021 ó 2020) entre o túnel e as múltiples adegas representadas con caseta propia, podendo percibir neles a elegancia e sutileza dos viños das nosas variedades de uva autóctonas, como a Treixadura, Albariño, Godello ou Loureira en viños brancos, Caíño Longo, Sousón, Brancellao ou Ferrón en tintos, así como moitos apreciaron o alto potencial de envellecemento en botella de moitas das referencias”.

Tamén indica Iglesias que “profesionais do sector, entre eles importadores, catadores, distribuidores, catadores, vinotecas, restaurantes, medios de comunicación, influencers e mesmo algún Master of Wine, de países como Suecia, Alemaña, Bélxica, Reino Unido, Noruega, Suíza, Países Baixos, EEUU, Canadá, México, Porto Rico, entre outros, achegáronse á nosa caseta para probar e deixarse mergullar nos matices dos viños procedentes de viñedos traballados manualmente por viticultores e elaborados con esmero polas adegas desta Denominación de Orixe”.

Back to top button