
O domingo 16 de marzo abrirase a tempada de pesca pero antes, como cada ano dende a súa creación, dende Spinning Valdeorras promoven unha limpeza colectiva no río Sil.

O ano pasado non pudo levarse a cabo polo temporal que azoutaba a comarca na data fixada “e despois xa non se pode facer porque en plena primavera florece todo e resulta imposible acceder aos sitios, o momento de limpar é agora que aínda están as árbores espidas”, explica o presidente do club, Daniel Prada, adiantando que este ano a V limpeza colectiva de plásticos nas marxes do Sil ao seu paso por Vilamartín de Valdeorras será o domingo día 9 de marzo de 10 a 13 horas, co pavillón como punto de encontro.

Dende o Club de Pesca Deportiva Spinning Valdeorras, que conta coa colaboración do Concello de Vilamartín de Valdeorras, recomendan a todo aquel que se anime a participar, que leve luvas e calzado adecuado.



