DeportesFútbol salaÚltima hora

Membros do Atlético Godello Valdeorras presentan o equipo a Alán de Val, un dos seus patrocinadores na Rúa

O equipo de fútbol sala formado por valdeorreses na Coruña, visitaba as instalacións e probaba os seus viños

 

Iniciaba a súa andaina a pasada tempada con gran éxito, conseguindo ascender de categoría e actualmente compite na Segunda Autonómica Futgal. O CD Atlético Godello Valdeorras combina a xogadores de Valdeorras residentes na Coruña e a novos integrantes que queiran sumarse a esta aventura, representando “non só unha aposta polo deporte, senón tamén un vínculo para promover e compartir a cultura valdeorresa na cidade herculina”, aseguran dende o club que segue sumando patrocinadores.

 

 

Moitos deses xogadores son da Rúa e na tarde do sábado 22 de febreiro parte do equipo aproveitaba para presentalo a un dos seus patrocinadores este ano, Alán de Val. Visitaban a adega, probando os seus viños, e tamén a viña, atendendo as explicacións de Joaquín Sánchez sobre os traballos de campo e tamén de elaboración dun dos viños destacados da D.O. Valdeorras.

 

 

“Foi un acto de presentación do equipo e tamén de promoción da propia adega”, explican dende o Atlético Godello Valdeorras, que defende as cores do godello (e tamén da mencía) no subgrupo Primeira División da liga na cidade herculina. Dende “ALaN De VaL, o noso apoio a todas as iniciativas que leven a Valdeorras polo mundo”, asegura Joaquín.

 

 

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button