EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Petín revivirá a Guerra da Independencia cunha ruta teatralizada polas súas rúas

Un francés na anterior edición da Feira de 1812 en Petín./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

O municipio de Petín converterase no escenario dunha viaxe no tempo cunha ruta teatralizada “Petín, un paseo pola Historia”, unha experiencia cultural que trasladará ao público á época da Guerra da Independencia en Valdeorras. A actividade terá lugar o sábado 15 de marzo ás 17:30 horas e permitirá descubrir, a través do teatro, os acontecementos e as historias vividas na comarca durante aquel período histórico.

Organizado pola Asociación Ruta do Viño Valdeorras coa colaboración da Deputación de Ourense e o Concello de Petín, esta ruta percorrerá as rúas do municipio con escenas dramatizadas que darán vida a personaxes clave e a episodios reais do conflito. A iniciativa, que interpretará a asociación cultural Platea Lúa, pretende achegar a historia local dun xeito didáctico e entretido, facendo partícipes aos asistentes da atmosfera e das vivencias da época.

 

 

Ademais, o evento incluirá unha degustación de viños das adegas de Petín asociadas a Ruta do Viño Valdeorras, ofrecendo unha combinación de cultura, historia e enogastronomía. O aforo está limitado a 50 prazas e o prezo da entrada é de 5 euros. Para asistir, é necesario facer reserva previa no formulario de inscripción que se atopa na web da ruta www.rutadelvinovaldeorras.com.

Esta ruta teatralizada supón unha oportunidade excepcional para mergullarse no pasado de Valdeorras e coñecer, dun xeito diferente e dinámico, o impacto da Guerra da Independencia nesta terra.

Back to top button