
A Xunta iniciou este mes o envío de oficio de 31.991 SMS a titulares de licenzas de caza e pesca continental menores de 65 anos para avisalos da próxima caducidade dos seus permisos e recordarlles a necesidade de renovalos para poder seguir exercendo esas prácticas deportivas. Desas mensaxes de texto, que se enviarán ao longo de todo este ano, 17.660 están dirixidas a cazadores e 14.331 a pescadores fluviais.
Esta novidade da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático busca avanzar na simplificación e personalización dos servizos á cidadanía así como facilitarlle as súas xestións ante a Administración autonómica. Neste sentido, a Xunta remitirá estes SMS aos titulares dos permisos con 30 días de antelación á súa caducidade co fin de promover a súa continuidade no exercicio de ambas prácticas, dúas actividades nas que se está a traballar tamén co obxectivo de fomentar a remuda xeracional.
Estes envíos de oficio enmárcanse na estratexia do Executivo galego de estreitar a relación coa cidadanía facilitándolle as súas xestións diarias e engádense aos iniciados a finais de febreiro de renovación das licenzas de caza e pesca continental a todas as persoas que superan ou están a punto de cumprir os 65 anos, permisos que ademais pasan a ser indefinidos, polo que non será necesario renovalos no futuro. Neste caso a remisión dos documentos realízase mediante correo postal beneficiando en 2025 a preto de 42.000 afeccionados entre as dúas actividades.



