
Entre os días 16 e 18 de marzo de marzo, a Denominación de Orixe Valdeorras acudirá a Düsseldorf (Alemaña) para participar na feira ProWein. Un total de 17 adegas amparadas aportarán 31 viños, dos cales2 3 son referencias de viño branco da variedade branca godello, e o resto de variedades tintas.
Con esta participación en ProWein, a D.O. Valdeorras busca “visibilidade para os seus viños en mercados aos que, de non asistir a esta feira, non chegaríamos, porque son moi lonxanos”, segundo o seu director técnico Jorge Mazaira, quen resaltaba que Düsseldorf “posúe unha forte influencia do mercado asiático, o centroeuropeo, ademais da influencia directa de Alemaña”.
A feira ProWein, na que a D.O. Valdeorras volverá a colocar o seu stand un ano máis, chega á súa 31ª edición como o evento número un para o sector do viño e as bebidas espirituosas, que cobre o mercado mundial completo, cunha maioritaria presenza de visitantes internacionais.
Deste xeito, converteuse nun punto de encontro para os negocios, pola grande cantidade de acordos comerciais que se asinan. Ademais, ofrece máis de 500 eventos durante os tres días de mostra, como conferencias especializadas, seminarios e catas ofrecidas polos propios expositores. A isto súmanse as numerosas áreas de degustación, especializadas en viños de todo o mundo, algúns dos cales contan con múltiples premios.