
O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, referíase hoxe ao investimento de 1,1 millón de euros acadado por entidades locais de Galicia na liña de axudas do Goberno para promover proxectos innovadores de dinamización territorial e loitar contra o fenómeno do despoboamento nos concellos do Reto Demográfico. Pedro Blanco informou da recente resolución desta convocatoria d Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que forman parte da estratexia desenvolvida polo Goberno cara os pequenos concellos.
Pedro Blanco exemplificou nestas axudas a aposta do Goberno pola cohesión territorial, de forma que se garantan servizos públicos de calidade ao conxunto da poboación, “sen deixar de traballar por un rural cheo de oportunidades, traballo e futuro”. Grazas a esta resolución, cinco concellos do rural (Quiroga, Ribeira de Piquín, O Bolo, Parada de Sil e A Lama) e a Deputación de Pontevedra poderán impulsar proxectos empresariais, de mellora da experiencia turística e de mobilidade sostible nos seus territorios.
O delegado subliñou a importancia deste investimento do Goberno, “que dinamiza a activación do territorio a nivel económico, social e medioambiental, con especial atención á perspectiva de xénero e aos colectivos como de persoas novas como maiores. Trátase dun reparto xusto, que garante que toda a cidadanía, e por suposto a que vive no rural, dispoña de todas as oportunidades ao seu alcance”, sinalou Pedro Blanco.
Seis proxectos en Galicia
O investimento de 1.140.753,11 euros que o Goberno destina a Galicia cumpre co 100% do importe solicitado por parte das entidades locais. Deixa na provincia de Lugo 311.652 euros, 284.016,51 en Ourense e 545.084 en Pontevedra.
Por proxectos, o concello de Quiroga recibe 111.690€ para o seu albergue municipal, o concello de Ribeira de Piquín ingresa 199.962€ para a dinamización laboral agrícola, o concello do Bolo faise con 180.000€ para iniciativas sostibles municipais, o concello de Parada de Sil colleita 104.016,51€ para melloras no Mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil, o concello da Lama benefíciase de 45.084,60€ para a súa iniciativa ‘A Lama: un paraíso verde por descubrir’ e, por último, a Deputación Provincial de Pontevedra logra 500.000€ para orzamentar o programa ‘+MOBE’, de mobilidade sostible e inclusiva nas zonas rurais.
A do 2024 foi a terceira convocatoria destas axudas do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que deixou un total de 19,5 millóns de euros nos pequenos concellos españois. Nas anteriores convocatorias, do 2022 e do 2023, entregáronse ás entidades locais 40,2 millóns de euros, que serviron para financiar 452 proxectos en toda España. A nivel galego, estas subvencións deixaron en Galicia no ano 2023 un total de 1,7 millóns para 20 actuacións.