
Un total de 28 viños de 12 adegas de Valdeorras foron destacados polos prestixiosos expertos internacionais Tim Atkin e Beth Willard, no informe detallado elaborado por eles para a publicación Galicia 2025, Top 100. Así o aseguran dende o Consellor Regulador, puntualizando que cinco referencias acadaron o podio, sendo “premiadas nas categorías de Mellor Viño Branco do Ano, para un dos tres únicos viños cualificados coa máxima nota – 98 puntos –; na categoría de Mellor Viño Tinto do Ano, para dous dos únicos tres elexidos; e nas categorías de Mellor Viño Doce do Ano e Mellor Viño Tinto Calidade-Prezo do Ano, cunha referencia en cada unha delas”.
Ademais de polos viños situados en podio polos expertos, Valdeorras tamén está de noraboa porque “tres viños brancos foron cualificados con puntuacións que os sitúan entre os 5 mellores (con 97 puntos) e outras 7 referencias entre os 13 mellores (con 96 puntos ou máis). En cifras totais, 19 viños de 12 adegas da D.O. Valdeorras atópanse entre o total de 59 brancos que destacaron Willard e Atkins”.
En canto aos viños tintos, dous dos tres mellores, son de Valdeorras co cal “un total de nove referencias de catro adegas amparadas, atópanse entre os 40 viños destacados”, din dende a D.O. Valdeorras.

Beth Willard e Tim Atkin
Segundo indican dende o Consello Regulador da D.O. Valdeorras, Beth Willard degustou case 500 referencias de viño, de 64 adegas distintas, ao longo das dúas semanas que pasou, no mes de novembro do 2024, na “España Verde”, como ela mesma cualifica a Galicia no seu informe. Considera ademais, que o número de referencias escollidas son “unha boa representación dos viños galegos, entre os que destaca ter descuberto “algúns impresionantes” entre os seleccionados.
As conclusións do seu traballo na D.O. Valdeorras, así como noutras denominacións galegas, recolleuse na publicación do Master of Wine Tim Atkin, galardoado fotógrafo e xornalista especializado en viños, que escribe para as prestixiosas revistas Harpers e Decanter, e é copresidente do International Wine Challenge, a competición de cata a cegas co xurado máis rigoroso do mundo.



