EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

As DD.OO. solicitan á Comisión Europea que exclúa o viño das medidas de represalia a EE.UU.

A CRECRV, da que forman parte as denominacións galegas, e a EFOW avogan por unha solución negociada que poña fin ás tensións comerciais, sen que para iso se teña que afectar á "economía de sectores concretas, empresas e cidadanía en xeral"

Foto: Arquivo Carlos G. Hervella.

 

A European Federation of Origin Wines (EFOW), a organización que representa ás denominacións de orixe europeas ante as institucións da UE, e a Conferencia Española de Consellos Reguladores Vitivinícolas (CECRV), que representa ás DDOO de viño a nivel nacional, participaron na consulta pública aberta pola Comisión Europea o pasado 12 de marzo sobre as posibles contramedidas a produtos norteamericanos en represalia polos aranceis impostos por Estados Unidos ao aluminio e ao aceiro. Con ambas as respostas, de forma coordinada, as denominacións de orixe quixeron reiterarlle á Comisión, como tamén fixeron por carta ás direccións xerais de Agricultura e de Comercio do Executivo Comunitario nos últimos días, “a necesidade de que abran unha negociación para solucionar esta disputa comercial e que o viño non se inclúa na disputa comercial en curso entre a UE e os Estados Unidos”.

As denominacións de orixe opóñense firmemente a que “tanto os viños de EE.UU. como o Bourbon se inclúan na lista de produtos obxecto de contramedidas da UE e así o fixeron constar na súa achega á consulta pública aberta pola Comisión. Os Estados Unidos son un dos maiores mercados de exportación dos viños con DOP europeos e particularmente dos españois, e o viño con denominación de orixe é un motor económico clave para a agricultura europea e para a española. A viticultura desempeña un papel crucial no desenvolvemento e a vitalidade das zonas rurais de numerosas zonas do noso continente, tamén na península ibérica, apoiando o emprego, o patrimonio cultural e as economías locais”.

A imposición de aranceis de represalia sobre o viño tería, en opinión da CECRV e da EFOW, “consecuencias dramáticas para o sector, xa que aumentaría a incerteza económica, provocaría perdas significativas de ingresos e de postos de traballo e poñería freo ao investimento dentro do sector”. Por iso, ambas organizacións consideran “un signo positivo que a Comisión Europea teña decidido atrasar a data da imposición das primeiras contramedidas, que ata hoxe estaba previsto que entrasen en vigor o 1 de abril −as que están en fase de consulta son a segunda onda de posibles aranceis, prevista para o 15 de abril- e que se van a aprazar durante 15 días, facéndoa coincidir coa data prevista para a entrada das contramedidas adicionais”.

O “viño non debe ser moeda de cambio en conflitos alleos ao noso sector”, di Riccardo Ricci Curbastro, presidente de EFOW. “Facemos un chamamento á Comisión Europea para que non sacrifique aos viños europeos con IG adoptando unha decisión necesaria, neste caso: excluír ao viño e ao Bourbon da listaxe final de produtos que estarían suxeitos a medidas de represalia”. Pola súa banda, David Palacios Algarra, presidente de CECRV, amósase confiado en “que finalmente impere a sensatez e en que as Administracións europea e estadounidense busquen unha solución negociada para evitar uns aranceis cruzados que prexudicarían as economías e sectores das dúas zonas, reducindo os ingresos das nosas empresas e minguando a capacidade de compra e o poder adquisitivo da cidadanía”.

Tanto EFOW como CECRV manteñen o seu “pleno compromiso de traballar coas institucións europeas e españolas para defender os intereses das denominacións de orixe e garantir a prosperidade do sector vitivinícola”.

Back to top button