
A Asociación Empresarial de Valdeorras (AEVA), en colaboración co Club do Emprendemento e co respaldo do Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE), vén de poñer en marcha o primeiro dos Talleres de Emprendemento + Intelixencia Artificial. Esta actividade forma parte dun programa financiado pola Unión Europea a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia – NextGenerationEU.
O programa está integrado na iniciativa INCIBE Emprende e artéllase a través da colaboración entre AEVA e o Club do Emprendemento, coa finalidade de promover o emprendemento xuvenil en Valdeorras e fomentar o uso da tecnoloxía como panca para o desenvolvemento profesional e persoal
Os talleres, dirixidos ao alumnado de 4º de ESO, ciclos de Formación Profesional e Bacharelato, teñen como obxectivo espertar o espírito emprendedor entre os mozos da comarca e dotalos de ferramentas prácticas para converter ideas en proxectos viables.
Hoxe celebrouse o primeiro destes talleres no IES Lauro Olmo do Barco de Valdeorras impartido por José María de la Torre. Ademais deste, o programa desenvolverase noutros centros educativos de Valdeorras: Colexio Divina Pastora e IES Martaguisela no Barco e IES Cosme López e Colexio San Pablo VI, ambos na Rúa. A iniciativa foi ofrecida a todos os centros da comarca, fomentando así unha participación ampla e diversa.
Os contidos están deseñados cun enfoque experiencial, dinámico e gamificado. Ao longo das xornadas programadas, o alumnado aprenderá a identificar os números clave nun negocio, presentar as súas ideas, utilizar ferramentas de Intelixencia Artificial para facilitar o seu camiño emprendedor e desenvolver habilidades esenciais para o seu futuro profesional. “Queremos que os mozos comprendan que emprender non é só unha posibilidade real, senón tamén unha experiencia motivadora, creativa e útil para calquera ámbito da súa vida”, destaca a presidenta de AEVA Araceli Fernández.