EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

A D.O. Valdeorras participa no 38º Salón Gourmets, en Madrid

Esta mostra "é o maior escaparate de produtos gourmet de España, unha boa maneira de que coñezan o valor do pequeno, e se acheguen aos nosos viños”, segundo o presidente do consello regulador valdeorrés

Cedida.

 

Dende este luns e ata o 10 de abril o Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras participa no 38º Salón Gourmets, Feria Internacional de Alimentación e Bebidas de Calidade, que se desenvolverá no recinto ferial IFEMA de Madrid.

Nesta mostra, considerada como a maior cita anual do sector gastronómico, a D.O. Orixe Valdeorras contará 27 viños, dos que 21 son brancos, “elaborados con uva Godello principalmente, e 6 tintos, cuxas variedades máis destacadas son a Mencía e a Garnacha”, segundo o consello regulador.

Un total de 15 adegas amparadas concorren a esta cita, concentradas no stand da D.O Valdeorras, que compartirá espazo con preto de 2.100 expositores, que exhibirán 55.000 produtos de todo o mundo.

Estas cifras amosan que esta feira “é moi importante” para os viños valdeorreses  “porque é o maior escaparate de produtos gourmet en España”, en palabras de Marcos Prada, presidente do CRDO Valdeorras, quen insiste en que esta “é unha boa forma de que tanto restauradores como distribuidores coñezan o valor do pequeno, se acheguen aos nosos viños, os degusten, e poidan incorporalos nos seus portfolios”.

Con relación ao contexto comercial global, Prada cre que “agora máis que nunca temos que consolidarnos nos mercados nos que estamos presentes e expandirnos a outros novos”. Unha opinión, compartida por Jorge Mazaira, director técnico da denominación, quen se refería ao momento de incerteza que viven os mercados, como unha situación “que hai que afrontar, por exemplo, asistindo a citas como Goumets e participando en todas as que poidamos ter presenza”.

38º Salón Gourmets

O 38º Salón Gourmets, Feria Internacional de Alimentación e Bebidas de Calidade, é a líder en produtos de alta gama e na actualidade está considerada a mostra máis exclusiva de Europa. O evento ten lugar nun espazo de máis de 65.000 m2 de exposición, onde se reúnen numerosos compradores profesionais do sector da restauración, a distribución gourmet, grandes superficies, tendas delicatessen, Horeca e cadeas hoteleras, entre outros.

Back to top button