
Logo da estrea no Salón Teatro do Centro Dramático Galego (CDG) de Santiago de Compostela e dentro da xira que a levaría por diferentes espazos da xeografía española, o 19 de xaneiro de 2024 chegaba ao Barco de Valdeorras Run Baby Run, obra escrita pola valdeorresa Fátima Delgado e dirixida por Jana Pacheco.
Un ano despois a súa autora resultaba premiada por ADI (Agrupación que reúne aos clubs deportivos e asociacións LGTBI+ na Península Ibérica, illas e cidades autónomas) co Premio Deporte en las Artes que lle era entregado na tarde do venres 11 de abril na II edición da gala que se celebrará no Espacio Rastro, en Madrid.

Nesta obra Fátima Delgado plasma unha das súas teimas, “o persoal é político”, e elabora unha reflexión sobre a discriminación de xénero dentro do deporte feminino que viu a luz logo das súas investigacións de varios casos de mulleres deportistas profesionais. A trama de Run Baby Run sitúase uns meses antes dos Xogos Olímpicos, cando Alba, unha atleta de éxito que acaba de gañar un mundial, é apartada da competición oficial por un feito inesperado e experimenta como se derruba o seu mundo. Acompañada pola súa inseparable adestradora, a deportista verase nunha encrucillada na que loitará por cumprir o seu soño sen renunciar ao seu verdadeiro ser.



