
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado do director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitaba esta mañá os stands de Artesanía de Galicia participantes na XLV Feira do Viño de Amandi, situada na praza do Concello de Sober.
Durante o percorrido, no que tamén estivo presente o alcalde de Sober, Luis Fernández, destacou o valor desta cita non só como un evento de referencia no eido vitivinícola, senón tamén como un magnífico escaparate do talento artesán e da olería tradicional da contorna: a de Gundivós, unha das máis primitivas da Península Ibérica, que ofrece pezas dunha característica cor negra e a única de torno baixo que se conserva en Galicia.
A Fundación Artesanía de Galicia colabora de maneira habitual coa Feira do Viño de Amandi desde o ano 2010, en cuxa carpa de bodegueiros os asistentes poden achegarse ao labor de dous expositores de olería tradicional que forman parte de Artesanía de Galicia: Rectoral de Gundivós e Olería Figulus. Ademais, a presente edición tamén contará coa presenza doutros obradoiros adheridos ao selo, como Bisutetoka, Sendacuero e Malasherbas.
O conselleiro destacou que a artesanía tradicional galega, ademais da súa importancia cultural e patrimonial, tamén é sinónimo de emprendemento e de futuro para o territorio, polo que a remuda xeracional nos oficios tradicionais é unha das principais prioridades para a Xunta. Deste xeito, e en paralelo a programas xa en marcha como Aprender da tradición, o novo Plan estratéxico de comercio de Galicia 2025-2030 seguirá poñendo o foco nesta liña de traballo, con iniciativas como as futuras bolsas de aprendices complementarias á devandita iniciativa.

A artesanía e o comercio, motores do territorio
Así mesmo, José González lembrou tamén a capacidade de dinamización e atracción turística que desempeñan as iniciativas de emprendemento ligadas aos recursos do territorio, así como a artesanía e o comercio de proximidade, como demostran eventos como a Feira do Viño de Amandi. Nesta liña fixo referencia ao éxito da experiencia piloto Artesanía, saber e sabor, celebrada o pasado mes de decembro en Ribadavia e no que participaron máis dunha vintena de artesáns e obradoiros adheridos a Artesanía de Galicia.
Esta cita foi a antesala dun proxecto máis amplo que se impulsará en 2025 baixo o nome Vilas Vivas. O propósito é darlle unha nova vida a baixos comerciais en desuso de cascos históricos senlleiros para o desenvolvemento de eventos efémeros durante as fins de semana, ligando comercio, gastronomía, turismo e, por suposto, artesanía.