ConcellosEn portadaGalerías de fotosO BarcoÚltima horaVídeos

A restaurada imaxe do Cristo dos Ferroviarios percorre o Barco na Procesión do Vía Crucis

Con parada diante da Estación de Tren, é unha das citas destacadas na Semana Santa desta vila valdeorresa

 

Coa imaxe do Cristo dos Ferroviarios, restaurada este ano, sobre o carro guiado por catro confrades, ás nove da noite deste 16 de abril, Mércores Santo, comezaba no Barco de Valdeorras a Procesión do Vía Crucis que o ano pasado non podía saír pola intensa chuvia e o vento. Nesta ocasión, a auga caída de forma intermitente ao longo do día, daba unha tregua.

 

 

Así, encabezada pola Cruz e seguida polos fieis, a comitiva relixiosa saía dende a igrexa de San Mauro para logo continuar polas rúas Eloi Mira, Marcelino Suárez, Estación, Eloi Rodríguez Barrios e de novo Eloi Mira e San Mauro.

 

 

Como vén sendo habitual, a procesión detíñase ao chegar á Estación de Tren onde a poetisa barquense María Carmen Gago Florenti, filla de ferroviario e pregoeira da Semana Santa do Barco neste 2025, lembraba ao seu pai, José Ramón Gago, unha das persoas que fixeron posible que esta procesión teña chegado a ser o que é hoxe e que o Cristo da Misericordia se teña convertido no Cristo dos Ferroviarios. Facíao, coma sempre, lendo un dos seus poemas, De Misericordia te llamo.

 

 

Pero antes o párroco barquense, Jesús Álvarez, aproveitaba para reivindicar unha vez máis melloras nas comunicacións. “Necesitamos alternativas para o futuro, porque podemos producir viño e moitas outras cousas que se non temos forma de levalos aos mercados nacionais e internacionais, de nada serve”, dixo, asegurando estar en contra “do abandono das provincias de León e de Ourense”.

 

 

Clamou ás autoridades que lles corresponda, sen importar a cor ou as siglas. “X está ben de desidia, de promesas incumplidas e deixadez. Nós pedimos hoxe, diante desta estación”, remataba, dando paso á pregoeira, lembrando que os poemas que lía o día do pregón, serán impresos e estarán a disposición dos fegreses despois de Semana Santa para que os poidan ler e desfrutar con calma. De seguido, retomaban o percorrido ata a igrexa de San Mauro.

 

 

O programa da Semana Santa no Barco de Valdeorras continúa mañá, Xoves Santo, coa celebración comunitaria da penitencia ás 11 horas na igrexa de Santa Rita. Xa pola tarde, ás 18 horas terá lugar tamén en  Santa Rita a celebración solemne da Cea do Señor co lavatorio de pés. E pola noite, trala procesión do Silencio (22 horas) coa imaxe do Nazareno (saída e regreso á igrexa de San Mauro pasando polas rúas San Mauro, San Roque, Manuel Quiroga e Eloi Mira), celebrarase a Hora Santa na igrexa de Santa Rita (23 horas).

 

 

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella/ Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button