Cunha camiñada, feira de artesanía, zona de xantar, música, cantos de taberna, pandereteiras e ata un obradoiro de foliada, regresaba a Córgomo (Vilamartín de Valdeorras) a Florenciada para celebrar neste 17 de maio, o Día das Letras Galegas.
O programa, organizado pola Fundación Florencio Delgado Gurriarán co apoio da Deputación de Ourense e en colaboración coa veciñanza comezaba coa camiñada a Córgomo (anotábanse unhas 40 persoas) e xa cara as 11 horas abría na Aira dos Bolos a feira de artesáns e produtores de Valdeorras organizado polas veciñas. Un pouco despois comezban os cantos de taberna pola vila cos Charangateiros. Con posto de polbo, embutidos e panadería, un cento de persoas xantaba nas mesas colocadas na Aira das Guerras cuberta para protexer do sol.
A música regresaba cos Pándega e xa pola tarde arrincaba unha gran foliada con Abertal, que acudía á cita con gaiteiros, pandereteiras e unha proposta moi especial, un obradoiro de foliada a cargo de Manolo Cobas, o profesor de baile da agrupación ruesa.
Presentada por Guti, o fin de festa corría a cargo dos Parrandas con cantarenas pola vila.
Fotos: Carlos G. Hervella/ Mónica G. Bellver.
Vídeo: Mónica G. Bellver



